O xuízo dunha xornalista de Pontevedra contra a Cadena Cope celébrase mañá

O Sindicato de Xornalistas de Galicia apoia á xornalista, que demanda o recoñecemento dunha relación de tipo laboral con esta empresa

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) respalda publicamente a P. Castro, traballadora que promove un xuízo para que se lle recoñeza unha relación de tipo laboral coa Cadena COPE. A vista celébrase mañá, día 3 de maio, no Xulgado do Social número 3 de Pontevedra a partir das 11 horas.

Segundo informou a xornalista ó SXG, o seu traballo na emisora da COPE en Pontevedra comezou en 2001 e prolongouse ata o mes de decembro de 2004. Durante ese periodo, P. Castro argumenta que estivo sometida a condicións propias dunha relación laboral estable (horario fixo na sede da emisora, uso dos medios da empresa, grabacion de programas en autocontrol, realización de tarefas xornalísticas segundo as ordes directas dunha coordinadora de informativos, etc.) malia que o contrato a obrigaba a darse de alta no réxime de traballadores autónomos.

O SXG anima a tódolos testigos convocados, especialmente aqueles que son xornalistas, a presentarse na vista co fin de que se esclareza toda a verdade sobre este asunto.

A perda de dereitos dos xornalistas perxudica os cidadáns

Segundo entende o Sindicato, o caso de P. Castro podería ser mostra da práctica cada vez máis extendida entre as empresas de comunicación de Galicia de empregar a figura do autónomo para reducir os custes de incorporar xornalistas ás súas plantillas laborais. O resultado deste tipo de prácticas é a perda de dereitos que leva sufrindo nos últimos anos a profesión do xornalismo en Galicia.

Ademais, o SXG fai un chamamento a tódolos actores sociais (administracións, partidos políticos, empresas e universidades) para pactar medidas para dignificar as condicións laborais dos traballadores da comunicación; pois é evidente que a precarización do traballo de xornalista repercute negativamente na calidade da información que recibe e cidadanía. O SXG foi constituído o pasado 27 de febreiro en Santiago por iniciativa de máis de 150 traballadores da comunicación.

Previsión Informativa.- O SXG difundirá mañá, día 3 de maio, unha nova nota de prensa sobre este asunto en base as declaracións recollidas no xulgados.