Máis do 60% dos xornalistas da TVG denuncia manipulación informativa

Os Comités de Empresa da TVG e da Radio Galega, nos que o Sindicato de Xornalistas de Galicia ten varios representantes, entregaron aos partidos políticos con representación no Parlamento galego (PPdeG, PSdeG, AGE e BNG) 345 sinaturas en defensa dunha televisión e unha radio públicas, plurais e ao servizo da cidadanía.

Con este documento, asinado polo 60% dos traballadores da CRTVG, os representantes sindicais queren denunciar a manipulación informativa que se ven exercendo tanto na TVG como na RG, algo do que tamén quixeron deixar constancia a instancias superiores entregando as firmas recollidas ao director xeral, ao Consello de Administración e á presidencia da Comisión de Control Parlamentaria da CRTVG.

Como medida para denunciar as prácticas de manipulación que se veñen dando nos últimos tempos, as asambleas de traballadoras e traballadores tamén acordaron a publicacion dun blog no que facer públicas as informacións ‘maquilladas’ a cotío. En apenas dous meses, a web Eu non manipulo publicou máis 200 artigos e xa superarou as 25.000 visitas.

Demandan a creación do Estatuto Profesional 

Para os Comités de Empresa o único camiño para garantir a veracidade informativa é a creación do Estatuto Profesional que recolle o artigo 36 da Lei 9/2011 do 9 de novebro dos medios públicos de comunicación audiovisual, aínda en vigor. Segundo esta norma se trataría dun instrumento destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos.

Por outra banda, como complemento, esta normativa establece tamén a creación dun Consello de Informativos como órgano interno de participación dos profesionais da información da CRTVG, que debería ter como obxectivo principal velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundifos por todas as súas canles de radio e televisión.

Comments are closed.