Sindicatos e patronal acadan un principio de acordo para desbloquear o IV Convenio Estatal de Prensa Diaria

As partes representadas na comisión negociadora do IV Convenio Estatal de Prensa Diaria acadaron un principio de acordo para desbloquear o proceso tras unha accidentada, difícil e prolongada negociación. As partes dispoñen da redacción do texto articulado despois de que o pasado 29 de maio se asinara un principio de acordo. Segundo este convenio, os salarios mantéñense ata 2015, a xornada semanal media quedará en 37,5 horas e negociaranse sistemas de control horario empresa por empresa.

Este principio de acordo descansa sobre catro puntos: mantemento das actuais táboas salariais ata o 31 de decembro de 2015, data de vencemento do IV Convenio; fixar a xornada máxima anual en 1.687,5 horas, o que equivale a un promedio de 37,5 horas semanais; e acordar que, á sinatura do convenio, as empresas e os representantes dos traballadores nas mesmas acorden sistemas de control de horario que aseguren o cumprimento efectivo de dita xornada anual. Ademais, para evitar que, no sucesivo, o convenio corra o risco de decaer, as partes acordan aumentar a súa ultraactividade, unha vez denunciado, ata 21 meses.

A acta de preacordo foi asinada, pola parte social, polos representantes dos sindicatos Comisións Obreiras, Unión General de Trabajadores e a Federación de Sindicatos de Periodistas, da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia; e pola parte empresarial, polos representantes da patronal do sector, a Asociación de Editores de Diarios Españoles (AEDE). A Confederacion Intersindical Galega (CIG), pola súa banda, mostrou o seu rexeitamento a asinar o texto.

Sen embargo, na propia acta, as partes presentes sinalan que, tras a sinatura, deberán someter o texto do preacordo aos órganos executivos das súas respectivas organizacións. Ademais, os sindicatos, como é a súa obriga, tamén deben someter o acordo provisional a procesos de asambleas de traballadores nos territorios nos que se aplica este convenio.

Tras este preacordo, agora queda o arduo traballo de poñer nun documento definitivo os diferentes acordos que se foron acadando ao longo dos máis de dous anos de complicada e difícil negociación, realizada no medio da maior e máis prolongada crise que viviu o sector e que estivo condicionada pola aprobación e entrada en vigor de non unha, senón dúas, reformas laborais consecutivas. Foi, por tanto, unha negociación na que a parte social tivo que facer duros esforzos e difíciles cesións, para conseguir que o sector da prensa diaria manteña algo que necesita de forma urxente e desesperada: ter un convenio que serva de referencia e que marque un chan, uns mínimos, para un sector que aínda busca ver a luz ao final do túnel.

A próxima reunión entre patronal e sindicatos quedou fixada para o vindeiro día 13 de xuño en Madrid. De ratificarse o preacordo, o convenio deberá asinarse antes do 7 de xullo, momento no que vence a súa ultraactividade, de acordo á última reforma laboral.

Comments are closed.