O SXG pide a retirada do concurso de concesión de emisoras porque facilita a precariedade

A convocatoria da Xunta de Galicia para crear máis de 100 emisoras non apoia a creacción emprego estable

A Xunta estableceu unhas condicións para o concurso de concesión de emisoras dixitais de televisión que facilitan o aumento da precariedade laboral entre os profesionais da información. Así valora o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) o concursos público aprobadosesta semana polo Goberno Galego para a adxudicación de emisoras. O SXG pide a retirada e a reforma deste concurso para que o nacemento de máis de 100 compañías da comunicación repercuta na creación de postos de traballo dignos.

O “Decreto 81/2005 de regulamento do réxime xurídico da servizo público de televisión dixital” ( e as súas bases administrativas e técnicas) non ten vocación de loita contra as malas prácticas laborais habituais no xornalismo. Así, a creación de emprego é mencionada sen facer a imprescindible distinción entre a contratación estable de profesionais e outras formas de contratación precarias.

Ademais, o SXG cree inadecuada e insuficiente a puntuación que nos baremos de valoración de concesións se fai da creación de postos traballo. A este apartado deixase só unha puntuación de ata 15 puntos, sen especificar se os postos de traballo pertencen a plantilla estable da empresa.

Esta absoluta falla de apoio á estabilidade dos traballadores no intre da creación de máis de 130 futuras empresas de comunicación pode causar, en valoración do SXG, o aumento do inmenso banco de emprego en precario no audiovisual. A explotación laboral de estudantes das diversas escolas e facultades de xornalismo e comunicación audiovisual pode ser outra das consecuencias desta convocatoria.

O abuso do número de estudantes en prácticas, os contratos como autónomos e os contratos a tempo parcial para xornadas completas son actuacións frecuentes entre as empresas da comunicación en Galicia. O SXG lamenta que, a través desta convocatoria, a Xunta desperdiciase unha oportunidade única de promover no sector a estabilidade laboral e sentar as bases dun xornalismo independente e profesional. Ademais, o SXG entende que a precarización do traballo dos xornalistas está afectando negativamente ao dereito á información dos cidadáns, amparado pola Constitución. Por todo isto, o SXG solicita á Xunta a inmediata retirada do concurso e a reforma das súas condicións para que o peso da contratación laboral estable sexa determinante á hora de realizar as adxudicacións.

Comments are closed.