Os traballadores de La Voz de Galicia levan catro anos ofrecendo os maiores sacrificios para a viabilidade da empresa

Tras unha nova reunión coa empresa, a cuarta, os traballadores de La Voz de Galicia seguen aínda sen recibir nin os datos básicos reclamados á empresa para valorar a proporcionalidade dos recortes propostos coa inaplicación do convenio colectivo, nin un compromiso de mantemento do emprego. O Comité Intercentros de La Voz de Galicia S.A. mantén que a mellor proposta para garantir a viabilidade «é o convenio colectivo en vigor, que está funcionando como instrumento de aforro». O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) apoia calquera medida reivindicativa que os representantes dos traballadores decidan emprender para evitar a inaplicación do convenio colectivo, para o que a empresa abriu o período de consultas o pasado 8 de maio, e en defensa dos seus dereitos laborais.

Segundo as cifras que manexan, a partida destinada a salarios da plantilla, descontadas indemnizacións e Seguridade Social, xa baixou dos 15,8 millóns de 2011 aos 13,5 de este ano, aínda que haberá que esperar a que remate o ano para comprobar o axuste que supón non pagar as nóminas dos traballadores despedidos nin novas indemnizacións amparadas na disposición adicional primeira do convenio. Só entre o ano 2008 e 2012 La Voz de Galicia S.A. aforrou en salarios 9,2 millóns de euros, un 34,5%, eliminando os gastos derivados das indemnizacións percibidas polos traballadores despedidos neste período.

Boa fe dos traballadores

Dende o inicio da crise os traballadores desta compañía quixeron arrimar o hombro e axudar a mitigar o impacto dos costes laborais na situación económica da empresa, polo que en xaneiro de 2009 asinaron un compromiso persoal co proxecto editorial que incluía conxelación salarial a cambio de estabilidade no emprego ata 2012. Apenas un ano despois a dirección da empresa reclamaba unha revisión ante unha previsión de económica nefasta, o que rematou cunha nova modificación do convenio colectivo que supuxo variacións nas condicións de traballo, como a ampliación da conxelación do 3%, a rebaixa da paga dos domingos e máis despedimentos.

O resultado foi que catro anos despois a perda do poder adquisitivo dos traballadores é dun 11,5%, con casos nos que esta cifra se dispara ata o 30%, e que 187 persoas acabaron na rúa, o que supón unha taxa de destrucción de emprego do 34%. Mentres, os directivos e conselleiros do grupo teñen incrementado as súas retribución no que vai de ano un 9% e La Voz de Galicia obtivo o ano pasado máis de medio millón de euros de beneficios despois de impostos.

Dende o Comité Intercentros aseguran que as contas do 2012 mostran que, «lonxe da fráxil situación financieira que a dirección da empresa quere transmitir aos traballadores, La Voz é unha empresa forte e ben dotada». No quinto ano consecutivo de crise a cifra de negocio da súa actividade editorial caeu menos do 6%, a súa débeda reducíase de 25,4 a 24 millóns de euros e o seu patrimonio neto e o seu fondo de manobra crecían. A pesar da caída do 7%, o total das reservas da sociedade é de 32 millóns de euros.

Os representantes dos traballadores subliñan que La Voz de Galicia S.A. funciona como «sostén de todo o grupo empresarial» e que só «a incompetencia dalgúns directivos» para manter a posición competitiva de La Voz, o que «xa se puxo de manifesto en pasadas decisións, pode poñer en perigo o futuro.

Apoio do SXG

O Sindicato de Xornalistas de Galicia anima a todos os traballadores a tomar parte nas accións reivindicativas que se vaian levando a cabo neste tempo, como a xornadas de loito ou de ‘Café negro’ que se están a realizar ás portas dos centros de traballo ou as de información aos lectores a pé de rúa. Así mesmo felicita á plantilla polo éxito das súas accións e pola alta participación que están a ter nelas e chama a manter a máxima unión entre traballadores para acadar o avance nos obxectivos en defensa dos seus postos de traballo e da viabilidade da súa labor xornalística.

Comments are closed.