O SXG ‘acompaña no sentimento’ aos traballadores de La Voz na xornada de loito convocada contra a inaplicación do convenio colectivo

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) amosa o seu total apoio e respaldo ao Comité Intercentros de La Voz de Galicia despois de que a dirección do grupo empresarial anunciase a súa intención de iniciar o procedemento de inaplicación das condicións de traballo previstas no Convenio Colectivo da empresa en base a causas económicas. Ademais, fai un chamamento para participar na ‘Primeira xornada de loito’ convocada polo Comité en defensa dos seus dereitos laborais.

O SXG amosa o seu total respaldo ao Comité Intercentros de La Voz de Galicia despois de que a dirección do grupo empresarial anunciase a súa intención de iniciar o procedemento de inaplicación das condicións de traballo previstas no Convenio Colectivo da empresa conforme ao disposto no artigo 82.3 do Estatuto de Traballadores e baseándose en causas económicas.

Logo da rolda de asambleas para explicar aos traballadores a situación e a actual normativa, o Comité Intercentros reúnese este 14 de maio para debater a forma máis axeitada de enfrontarse á negociación durante as vindeiras semanas.

Ademais, convocou  unha xornada de loito como primeira acción reivindicativa na defensa dos dereitos laborais da plantilla. O SXG ‘acompaña no sentimento’ aos traballadores e os anima a participar de xeito activo acudindo tanto á redacción como aos diversos actos con prendas de vestir negras.

Xa na primeira reunión coa directiva da empresa o Comité Intercentros mostrou o seu desacordo coa proposta de recortes e co proceso que se vai iniciar, xa que considera que o convenio negociado e aprobado para o periodo 2012-2014 conseguiu resolver a mala situación económica que atravesaba La Voz de Galicia, S.A.

Denuncian a rebaixa salarial proposta pola empresa

O Comité Intercentros móstrase en contra da inaplicación do Convenio Colectivo baseándose en que habería que esperar á finalización da súa vixencia e a analizar os seus efectos antes de levar a cabo novas accións. Ademais, denuncian a rebaixa salarial posta enriba da mesa pola empresa para un periodo de negociación aberto ao abeiro da reforma laboral, unha negociación que obriga a ambas as dúas partes a enfrontar con boa fe para chegar a un acordo.

Cabe recordar que o artigo que pretende aplicar agora La Voz de Galicia, S.A. é un dos puntos recurridos ante o Tribunal Constitucional por considerar que vulnera o dereito fundamental á negociación colectiva recollido no artigo 37.1 da Constitución.

O Secretario xeral do SXG, Santiago Montes, reuniuse recentemente cos representantes do Comité Intercentros de La Voz de Galicia que o informaron da situación que estan a pasar nesta empresa e trasladoulles a solidaridade e apoio da formación sindical de profesionais da información.

O SXG apoiará firmemente calquera acción reivindicativa que os representantes dos traballadores decidan emprender en defensa dos seus dereitos laborais e insta a manter a unidade de traballadores e traballadoras ante esta situación.  Só a firmeza e unidade dos traballadores pode conseguir nestes momentos parar unha deriva sen claros obxectivos nin planificación por parte da dirección da empresa e que fará inviable o mantemento dunhas condicións de traballo dignas para facer un xornalismo digno.

Comments are closed.