O SXG solidarizase coa familia do fotógrafo falecido en Pontevedra e esixe reducir a sinistralidade

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) quere amosar a súa solidariedade coa familia do fotógrafo pontevedrés Carlos Martínez Loira, "Marlon", falecido esta semana ao ser atropelado nun acceso da autoestrada A-9, no termo municipal de Pontevedra, cando realizaba o seu traballo.

O SXG transmite o seu pesar á súa familia e ao gremio xornalístico pola morte deste veterán fotógrafo de 59 anos, colaborador habitual do "Diario de Pontevedra" e doutros xornais galegos.

Asemade, o SXG insiste na necesidade de mellorar as condicións laborais da profesión xornalística en xeral, e dos fotógrafos en particular, para reducir a elevada sinistralidade laboral que sofre o sector.

O SXG entende que a precariedade laboral está na orixe de moitos accidentes laborais que se producen na profesión e que, a veces, acaban na morte do traballador. Desgraciadamente, na profesión xornalística e no gremio dos foteiros seguen sendo hoxe demasiado frecuentes os horarios interminábeis, os contratos en precario ou como falsos autónomos ou os encargos de facer nunha soa xornada múltiples fotos en lugares moi distantes ou cun escaso intervalo de tempo que obriga aos profesionais da fotografía a por en perigo as súas vidas.

Comments are closed.