Nada que celebrar, moito que reivindicar

A Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), na que participa o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), fai un chamamento a traballadores e traballadoras do sector da Comunicación, así como á cidadanía en xeral, a reclamar e defender o seu dereito a difundir e recibir información veraz e plural.

Son poucas as cousas que teñen que celebrar os empregados dos medios de comunicación este 1º de Maio, Día Internacional dos Traballadores, e o vindeiro 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa. Sen embargo, si que son moitas as cousas que se deben de reivindicar, xa que estas conmemoracións chegan en medio dunha das crises económicas máis graves vividas nas últimas décadas, con máis de 6 millóns de parados e unha taxa de desemprego que supera o 57% en caso dos menores de 25 anos.

Unha situación especialmente desoladora e preocupante no sector do xornalismo, onde os miles de despidos producidos nos últimos anos están afectando seriamente ao dereito constitucional da cidadanía a recibir unha información veraz e plural. As cifras son desoladoras: máis de 10.000 despidos nos últimos cinco anos en diferentes empresas de comunicación; decenas de medios pechados; trabas e dificultades cada vez máis habituais no traballo dos fotógrafos nas manifestacións e concentracións; control político en RTVE e nos medios públicos autonómicos, como denunciaron os traballadores da CRTVG; anuncio de leis que ameazan a liberdade de información…
Por todos estes motivos, o Sindicato de Xornalistas de Galicia xunto coa Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP) fai un chamamento a todos os xornalistas para que defendan a cotío o seu dereito a desempregar un traballo cunhas condicións laborais e profesionais dignas e a todos os cidadáns para que reclamen permanentemente o seu dereito a recibir información veraz e plural. Para logralo, a FeSP, á que pertence o SXG, pide ao Goberno que se poñan en marcha políticas activas de emprego, sobre todo para mozos e mozas, así como que aprobe medidas para axudar aos medios de comunicación a sobrevivir sen distinguir entre grandes e pequenas empresas para garantir a información democrática.

Comments are closed.