Os traballadores da CRTVG denuncian a través dunha web a manipulación informativa da canle pública

O Comité de Empresa da Televisión de Galicia creou un blog para denunciar a situación que viven os profesionais da cadea e para demandar a creación dun estatuto profesional dos membros públicos de comunicación audiovisual galegos, no que se contempla un Consello de Informativo para a CRTVG.

Traballadoras e traballadores da CRTVG crearon un blog dixital, Eu non manipulo, no que analizan o tratamento que a canle pública autonómica da a diversas informacións de actualidade ao tempo que denuncian a cobertura e manipulación coa que se tratan nos telexornais da cadea. A través unha comparativa co tratamento que lle dan outros medios a determinadas informacións, sobre todo a aquelas de carácter político nas que está involucrado o Goberno autonómico, o Comité de Empresa trata de evidenciar e denunciar “as distintas varas de medir” que se empregan na canle autonómica.

Entre os exemplos máis recentes, a noticia sobre as fotos de Alberto Núñez Feijóo, a bordo do barco do narcotraficante Dourado, na que só ofreceron as imaxes e as declaracións do presidente da Xunta de Galicia para explicalas xa moi avanzados os telexornais, pero obviando todos os datos achegados por El País ao respecto, así como as reaccións do resto de partidos políticos. Pola contra, emitíronse con “todo luxo de detalles” unha nova derivada do diario La Razón sobre os pagos das obras do chalé do ex ministro socialista José Blanco polo empresario José Antonio Orozco ou a de ABC denunciando que o secretario xeral de Comisións Obreiras, Ignacio Fernández Toxo, avalou a creación dunha asociación para o cobro de ERE.

Con este blog o Comité de Empresa, no que tamén está presente o Sindicato de Xornalistas de Galicia, tamén quere demandar a creación do Estatuto Profesional que establece o artigo 36 da Lei 9/2011 de 9 de novembro dos medios públicos  de comunicación audiovisual de Galicia, que contempla a creación dun Consello de Informativos para a CRTVG.

Comments are closed.