Santiago Montes revalida o seu cargo como secretario xeral do Sindicato de Xornalistas de Galicia

A Executiva do Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) renovouse nun 50% tras as eleccións celebradas no Congreso Extraordinario da pasada fin de semana en Santiago de Compostela. Montes salientou a importancia de seguir traballando para poder “exercer un xornalismo digno”.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) vén de revalidar por unanimidade a Santiago Montes como secretario xeral tras celebrar eleccións nun Consello Extraordinario que tivo lugar a pasada fin de semana en Santiago de Compostela. Deste xeito, Montes continúa nun cargo ao que chegou hai pouco máis dun ano tras a reestruturación da Xunta Executiva obrigada pola renuncia do anterior secretario xeral por motivos persoais. Nestas eleccións o SXG renovou o 50% da súa Executiva e a parte do Consello Directivo, no que houbo algunhas baixas pero tamén novas incorporacións. A Comisión de garantías tamén se renovou parcialmente.

Consciente das dificultades que atravesa o sector nestes intres, o secretario xeral marca como obxectivos prioritarios do SXG para este mandato a defensa dos traballadores nas diversas situacións de conflito que se están a suceder e “buscar o xeito de ofrecer novos servizos e de dar acubillo e soporte as novas modalidades de desempeño da profesión que se están a dar fóra do traballo asalariado, moitas veces motivadas pola propia busca da supervivencia profesional”.

Durante o discurso de peche do Congreso Extraordinario, Santiago Montes quixo salientar que desde o Sindicato de Xornalistas de Galicia “seguiremos traballando para axudar a facer posible vivir dignamente de exercer un xornalismo digno, xa que ese é o obxectivo da nosa existencia”. O SXG leva en activo desde o ano 2005 e forma parte, xunto con outros seis sindicatos similares de outras tantas comunidades autónomas, da Federación de Sindicatos de Periodismo.

Comments are closed.