O SXG defende o mantemento de todos os postos de traballo de RTVE


A Executiva do Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) quere expresar o seu rexeitamento máis contundente á intención de reducir a actual carga de traballo dos centros territoriais de RTVE, posibilidade recollida no chamado Plan de Viabilidade elaborado pola SEPI. Asimesmo, o SXG defende o mantemento de todos os postos detraballo do ente público en Galicia e da actual programación local e territorial de TVE e RNE.

As liñas básicas do Plan de Viabilidade, feitas públicas o pasado 27 de febreiro, avogan por diminuir a duración dos informativos territoriais de TVE e suprimir as desconexións autonómicas e locais de Radio 5-Todo Noticias. O SXG quere subliñar o importante servizo público que cumpre RTVE en Galicia ofrecendo unha programación diferente, complementaria e compatible coa da televisión e radio públicas autonómicas que xustifica plenamente a súa continuidade. Ademais, lembra que Galicia é a única comunidade na que as desconexións de Radio 5 fanse integramente en galego.

Ainda que o alcance das repercusións laborais destas medidas non se coñecerá ata mañá venres, cando a Dirección Xeral de RTVE e a SEPI dean a coñecer a totalidade do plan, os representantes sindicais dos traballadores dan por feito que o novo modelo planteado obrigará a acometer unha drástica reducción da plantilla recurrindo á xubilación anticipada de máis de 3.000 empregados, a traslados forzosos e ó despido da meirande parte dos traballadores con contratos temporais.

Apoio ós traballadores

Neste contexto de profunda incertidume, o SXG quere expresar a súa solidariedade con todos os traballadores de RTVE en Galicia e amosarlles o seu apoio incondicional en calquera medida ou movilización que acorden en defensa dos seus postos de traballo.

A Executiva do SXG seguirá con moita atención todas as novidades que se produzan sobre este tema e estará moi atento á toda a información que trascenda mañá unha vez se faga público o contido íntegro do Plan de Viabilidade elaborado pola SEPI.

Comments are closed.