A AEDE deixa aos traballadores de prensa diaria aos pés dos cabalos

Os editores de xornais deixan a todos os traballadores do sector aos pés dos cabalos. Esa é a única maneira de resumir o resultado da comisión negociadora do IV Convenio Colectivo Estatal de Prensa Diaria, que tivo lugar a pasada semana entre a patronal AEDE (Asociación de Editores de Diarios Españoles) e os sindicatos máis representativos, Comisiones Obreras, UGT e a Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP) da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia .

O punto clave do desacordo entre a parte social e a empresarial foi máis alá do meramente económico. Por unha parte, os membros da AEDE insisten en rebaixar as táboas salariais básicas nun 10%, despois de verse obrigados a retirar unha proposta anterior, dun 20% de redución, que era abertamente ilegal porque deixaba varias categorías salariais por baixo do salario mínimo interprofesional.
Pero, por outra parte, ese 10% é enganoso. A trampa da patronal é que non se conforma, en realidade, con ese recorte inicial, senón que ademais pretende que se corten, copien e peguen parágrafos enteiros da reforma laboral, incluíndo os que falan do descolgue salarial. Deste xeito, a proposta de AEDE resúmese en que as empresas de prensa diaria buscan rebaixar as plantillas, como mínimo, un 10%, e logo, de empresa en empresa, baixar aos traballadores e traballadoras o que lles veña en gana.

Desde os sindicatos se lles dixo con claridade que non se comprende ese “asañamento” cos periódicos onde se aplica, na actualidade, este convenio. En concreto trátase de pequenas cabeceiras de ámbito local e provincial que representan, desde o punto de vista empresarial e laboral, unha parte ínfima do sector. Son apenas unha vintena de empresas e, como máximo, un millar de traballadores e traballadoras cunha alta precariedade e baixo a ameaza continua do despido.

Trátase, a xuízo das centrais sindicais, dunha porción tan pequena de profesionais que recortarlles aínda máis as súas condiciones laborais non ten ningún sentido nin xustificación, porque o aforro que representaría no conxunto do sector é practicamente cero. A menos que, como empezamos a sospeitar, a pretensión da patronal sexa que, a medio e longo prazo, a todos os xornalistas de España lles impoñan un convenio cuxas táboas salariais quedarían por baixo de 1.000 euros mensuais.
Ante a cerrazón da AEDE, que pretende pagar soldos cada vez máis próximos ao salario mínimo aos poucos traballadores que aínda non despediron tras catro anos de sangría, Comisiones Obreras, FeSP e UGT, deron por terminada a reunión anunciando que, de forma urxente, convocarán asembleas informativas en todas as empresas de prensa diaria, antes de volverse a sentar coa patronal o vindeiro mes.

(Nota informativa conxunta de CC.OO., UGT e a FeSP)

Comments are closed.