Por unha información ao servizo da cidadanía

O Sindicato dos Jornalistas (SJ) de Portugal e a Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP) da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, reclaman dos gobernos e partidos políticos de Portugal e España un pacto para asegurar a existencia de sistemas de radiotelevisión públicos que garantan á cidadanía o seu dereito á información.
Co pretexto dunha crise económica na que a cidadanía non ten responsabilidade algunha e que é consecuencia da especulación financeira, os gobernos europeos puxeron en práctica políticas de austeridade que, ademais de inútiles e prexudiciais para os propósitos de recuperación económica, están a afectar os valores culturais e os dereitos dos pobos.
Entre estes, dous están a verse directamente afectados: a preservación da súa diversidade cultural e o seu dereito á información. Un perigo que se está concretando a través de accións gobernamentais destinadas a privar aos pobos dos seus medios de comunicación públicos.

Ante isto o Sindicato dos Jornalistas (SJ) e a Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP) vense na obriga de reclamar dos seus gobernos e de todas as agrupacións políticas dos seus respectivos países que poñan freo a estas políticas de recortes á comunicación e lémbranlles que, tal como se manifestou por todos os foros europeos, os sistemas de radiotelevisión pública están directamente relacionados con “as necesidades democráticas, sociais e culturais de cada sociedade, así como a necesidade de protexer o pluralismo nos medios de comunicación”.

O propio Parlamento Europeo sinalaba en 2010 -xa desatada a crise económica europea- que este “é un sector especial. Inflúe nos valores e opinións das persoas e segue a ser a principal fonte de información para a maioría dos cidadáns da UE. Por elo, reviste un significado especial para a protección e o fomento dos valores fundamentais e a democracia, incluída a cohesión social.”
Esas recomendacións deberían alertar a gobernos e políticas que, precisamente, nestes momentos de incertidume social é cando deberían poñer maior empeño en preservar e promover a calidade dos medios públicos como un servizo esencial á democracia.

Uns medios públicos que, lonxe de ser minimizados ou privatizados, deberían verse reforzados para contribuír ao fortalecemento dunha opinión pública democrática, mediante da garantía do exercicio libre e independente da profesión xornalística e apoiada en presupostos que garantan a calidade da súa función social.

As organizacións asinantes de este manifesto remarcamos que a actividade dos medios de comunicación social de propiedade pública debe inspirarse e afondar nos seguintes principios:

- A obxectividade, veracidade e imparcialidade nas informacións.
- A separación entre informacións e opinións; con clara identificación de quen sustentan estas últimas e respectando a súa libre expresión.
- Claro respecto ao pluralismo político, relixioso, social, cultural e lingüístico; que debe manifestarse no deseño da súa oferta programática.
- O respecto pola honra, dignidade, notoriedade, e vida privada das persoas e polos dereitos e liberdades consagrados na Constitución dos respectivos países e pola Carta de Dereitos Humanos.
- O respecto dos valores de igualdade e o rexeite de toda forma de discriminación por xénero, etnia, condición sexual ou fe relixiosa así como a protección da xuventude e da infancia.
- Para garantir todo o anterior, na información destes medios debe garantirse de xeito estatutario a independencia e pluralidade de opinións dentro das súas redaccións.

Por todo ilo reclamamos e esiximos nos nosos respectivos estados un pacto entre os seus gobernos e todos os partidos políticos para que se atendan as recomendacións comunitarias e se dean garantías para o sostemento dun sistema de radiotelevisión pública independente, competitiva, de calidade e imparcial que cumpra coas funcións sociais de servizo público, que han de garantir a promoción da lingua e da cultura, a cohesión social e o dereito da cidadanía á Información.

Sindicato dos Jornalistas (SJ)
Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP)

Comments are closed.