O SXG solidarízase cos compañeiros agredidos nun enterro da familia Charlín

O SXG pide as autoridades que expliquen porque, tendo en conta os antecedentes de agresións en situacións similares, non había policía

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) mostra publicamente o seu apoio ós reporteiros gráficos agredidos onte en Vilanova de Arousa (Pontevedra) durante o enterro de José Benito Charlín. O SXG esixe ás autoridades, en primeiro lugar á Delegación do Goberno en Galicia, que expliquen porque non había Policía no lugar dos feitos que impedise as agresións.

O Sindicato lembra que o lamentable incidente de Vilanova non é o primeiro caso no que profesionais de medios da comunicación son agredidos mentres elaboran noticias sobre persoas relacionadas con condenados por narcotráfico nesta zona. Tendo en conta estos antecedentes, o SXG considera especialmente grave a ausencia de axentes da orde neste enterro, no que varios profesionais resultaron mallados, concretamente, catro fotógrafos de Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, Diario de Arousa e La Voz de Galicia e un cámara da Productora Faro. Ademais, o material de traballo dalgúns dos profesionais que se viron envoltos neste incidente, tal e como recolleron os medios de comunicación, foi destrozado.

O SXG ponse a disposición dos agredidos para axudalos en todo o posible. Por outra banda, o Sindicato lembra ás empresas a importancia de que os xornalistas e reporteiros gráficos formen parte da plantilla das súas compañías, e non como autónomos. Deste xeito, aumentaría o grado de protección laboral dos traballadores da información ante posibles accidentes ou agresións.

Ademais, solicita a as autoridades que tomen as medidas necesarias para protexer ós xornalistas nos actos públicos, especialmente cando, como neste caso, se pode prever con antelación a posibilidade de situacións de tensión cara os informadores. De non estar garantida a súa integridade, o SXG lembra os traballadores que poden negarse a cubrir este tipo de actos.

O SXG, que celebrou a súa Asamblea Constituínte o pasado 27 de febreiro en Santiago de Compostela, recorda que o seu principal obxectivo é protexer e defender os dereitos de todos os traballadores da comunicación en Galicia, incluidos reporteiros gráficos, cámaras, infografistas e demais profesionais que exercen a súa actividade nesta comunidade autónoma.

Comments are closed.