Convocatoria Congreso Extraordinario

Congreso Extraordinario do SXG o vindeiro día 9 de marzo ás 10:30 horas na Casa das Asociacións de Santiago de Compostela, sito na Rúa Manuel Beiras no barrio de Conxo da capital galega. A data e a hora son definitivas.

Tal e como aparece nos Estatutos do SXG o Congreso é o máximo órgano de decisión do Sindicato, e constitúese polos afiliados que estean ao corrente do pago das cotas sindicais. Malia que en condicións normais faltarían aínda varios meses para facer o II Congreso Ordinario, nestes tres anos a Xunta Executiva viuse paulatinamente reducida ata que de acordo cos nosos regulamentos foi necesario que o Consello Directivo decidise a convocatoria deste Congreso Extraordinario. Por medio das súas votacións o Congreso elixirá os cargos dos órganos de dirección e control do sindicato: Xunta Executiva, Consello Directivo e Comisión de Garantías. Non se admitirá o voto por correo nin delegado.

Todas as candidaturas aos órganos de representación, dirección e xestión poderán presentarse ata o momento mesmo do Congreso ou enviarse por correo á sede do SXG cunha antelación mínima de cinco días hábiles á celebración do Congreso, deberán estar debidamente asinadas por todas as persoas que optan á candidatura e acompañadas da fotocopia do DNI de cada un/unha deles. As candidaturas deben ter a forma establecida nos Estatutos aprobados previamente: a da Executiva será unha lista de equipo pechada e con catro cargos orgánicos previamente asignados, para o Consello Directivo poden presentarse candidaturas individuais. Para calquera dúbida sobre os diferentes órganos e a súa composición consulta os Estatutos do SXG que están dispoñibles na páxina web do sindicato ou ponte en contacto cos membros da Comisión Xestora a través do correo electrónico do SXG se queres recibir os correspondentes regulamentos de funcionamento de cada un destes órganos.

Poñemos á túa disposición a orde do día, que ten un só punto de toma de decisións como corresponde a un Congreso Extraordinario. Sen máis animámoste a asistir e a presentar a túa candidatura aos órganos de goberno que consideres para contribuír á mellor marcha e funcionamento deste sindicato.

Santiago Montes, Secretario xeral

En Santiago a 9 de febreiro de 2013

Convocatoria:


Sábado 9 de marzo ás 10:30 horas na Casa das Asociacións en Santiago de Compostela. Segunda convocatoria ás 11 horas.

Orde do día:

1. Elección e proclamación membros Mesa do Congreso.

2. Aprobación censo afiliados/as por parte da Mesa.

3. Proclamación de candidaturas á Xunta Executiva, á Comisión de Garantías e ó Consello Directivo.

4. Votación candidaturas.

5. Proclamacióndos resultados das votacións.

6. Clausura


Ver mapa más grande

Comments are closed.