Apoio ás mobilizacións no Diario de Ferrol

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) apoia as mobilizacións a prol de asegurar a continuidade do cadro de persoal do Diario de Ferrol. Estas mobilizacións comezaron hoxe cunha concentración diante do Concello de Ferrol.

A continuación pegamos o comunicado remitido polos asalariados:

  O plantel de Diario de Ferrol quérelle informar do progresivo desmantelamento que está a sufrir este xornal. Neste medio, o único que leva o nome da cidade polo mundo adiante, traballaban hai un ano e medio trinta e unha persoas, ademais do director. Hoxe somos 27 e a intención da empresa é suprimir unha sección -infografía- composta actualmente por tres persoas. Destas, unha será despedida e outras dúas trasladadas ao centro da Coruña, coa conseguinte merma económica que iso conlevaría para os afectados. O argumento que sostén esta decisión errada a xuízo do plantel é a necesidade de centralizar, previa redución, o servizo.

        Os traballadores deste xornal somos conscientes, pois é o noso día a día, da terrible situación na que se atopan cada vez máis empresas e cada vez máis persoas. Somos, xa que logo, conscientes das dificultades que atravesa a nosa empresa, froito, nomeadamente, da caída dos ingresos por publicidade en todo o sector.
                Pero tamén é certo que nos seus trece anos longos de andaina, os resultados económicos deste xornal foron positivos, en non poucos casos moi positivos, ata o pasado 2011. Entón pechouse o exercicio cun pequeno desaxuste. A empresa esgrime perdas acumuladas de todo o grupo para propór e impór unha serie de recortes e “axustes” baseados unicamente no despedimento ou reubicacación de compañeiros, sen sequera contemplar outras medidas menos traumáticas que poderían, co mesmo esforzo que a plantilla vén realizando desde hai tantos anos, aliviar esa carga. Por exemplo, a decisión de centralizar o servizo de Infografía na Coruña non melloraría a situación económica da empresa de ningún xeito; en troques, si mermaría substancialmente os gastos dos compañeiros afectados, que terían que facer fronte, do seu propio peto, a este traslado.
        Esa mesma decisión levaría a este xornal a perder autonomía e a proximidade que vén caracterizando a relación directa cos nosos anunciantes desde a fundación mesma de Diario de Ferrol. Tampouco suporía esa decisión mellorar a difícil situación económica da empresa porque actualmente as novas tecnoloxías e os novos sistemas implantados pola empresa permiten traballar en remoto, non só desde A Coruña, como defende e pretende a empresa, senón tamén, por suposto, desde Ferrol.

        Os traballadores de Diario de Ferrol pídenlle o seu apoio e a súa intercesión para atallar esta deriva. Como sabe, este xornal é unha referencia informativa para esta comarca. Ferrolterra está a sufrir un aumento brutal do paro -por riba das 20.000 persoas- que atinxe, por suposto, aos medios de comunicación. O peche da delegación local de Radiotelevisión de Galicia ou de Cadena Dial, ademais de despedimentos noutros medios de comunicación ao longo dos dous últimos anos, ameaza a pluralidade informativa dunha comarca que non se pode permitir o luxo de xerar aínda máis desemprego

Comments are closed.