O SXG convoca a todos os traballadores da comunicación, tamén aos da prensa escrita, á folga xeral este mércores

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) chama a todos os traballadores do sector da comunicación a secundar á folga xeral deste mércores, 14 de novembro. O SXG destaca que por vez primeira tamén os asalariados dos diarios en papel están convocados ao paro o mesmo día que o resto de proletarios,  e non un día antes, como sucedeu nos anteriores paros xerais.

Convocatorias para informandores nas manifestacións

A central salienta pois que cómpre deixar de traballar entre as 00 e as 24 horas do día 14 e participar activamente nas manifestacións unitarias que están convocadas na comunidade levando as comisetas e bandeiras do SXG.  De cara á participación nas manifestacións unitarias programadas, o SXG chama a todos os compañeiros a participar conxuntamente, tendo artellado dous lugares de encontro antes de sumarse ás protestas comúns:

Santiago: ante a oficina de Caixa Galicia da Praza Roxa ás 11:45 horas.
Vigo: Xunto ao quiosco de prensa da Praza de España  ás 11 horas.

Apoio aos que queiran exercer o seu dereito

O Sindicato lembra que os traballadores non teñen que comunicar previamente se van exercer o seu dereito á folga. Tamén destaca que os servizos mínimos só son aplicábeis en determinados departamentos do sector público e nunca no privado.

O SXG ponse a disposición de todos os informadores que teñan dúbidas sobre como exercer os seu dereitos ou queira denunciar presións. A central lembra que a Lei protexe o dereito á folga e que calquera represalia, por pequena que sexa, é ilegal e será declarada nula pola Xustiza.

Motivos de sobra para a folga

En opinión do SXG, as razóns para acudir á folga son especialmente relevantes para os traballadores da información en Galicia. Este colectivo está a ser dos máis maltratados por esta crise e agora mesmo a situación é insostible. Malia o continúo maná de cartos públicos aos empresarios do sector, os EREs, despedimentos e peches de medios son constantes dende hai tres anos.

Medidas como a reforma laboral e os recortes nas administracións están poñendo centos de galegos no paro e saturando aínda máis as listas de demandantes de emprego no sector. Evidentemente, isto pode provocar un aumento da xa enorme precariedade das condicións dous poucos que manteñan o seu traballo. As oportunidades para parar esta crise van sendo cada vez menos e a folga do 14-N resulta clave para amosar ao Goberno e aos grandes empresarios que están a seguir o camiño equivocado para saír da crise.

Desde os centros de poder económico e político interpretarase que aqueles que non tomen parte activa na folga están apoian as decisións políticas e económicas seguidas polos gobernos autonómico e estatal;  ditadas desde o Banco Central Europeo e Alemaña.

Comments are closed.