O SXG critica á fiscalía por pórse do lado da Policía nos xuízos por agresións a xornalistas

 O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) reclama ao Ministerio Fiscal maior unha  defensa do dereito da cidadanía a ser informada. En opinión do SXG, a fiscalía non persigue como debera as agresións aos informadores, especialmente os cargos son presentados contra axentes das forzas de seguridade.

Nunha carta enviada ao Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, o Sindicato lembra un recente xuízo en Vigo contra catro axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP) acusados de cometer presuntos delitos de danos e lesións na detención dun cámara durante a última folga xeral. O SXG critica a «pasividade amosada polo seu fiscal no xuízo antes referido ante os presuntos agresores e mesmo a agresividade amosada cara á acusación particula».

Xuízo en Vigo

A poucos días da folga xeral do 14N, o secretario xeral do Sindicato de Xornalistas, Santiago Montes, lémbralle que as agresións e o trato vexatorio a informadores «son por desgraza cada vez máis habituais». A central considera especialmente graves estes feitos cando os protagonistas son presuntamente policías, como no citado caso do cámara de Vigo detido con violencia, lesionado e ao que se lle rompeu o seu equipo.

«Cando as agresións proceden de suxeitos incontrolados solicitamos o amparo dos corpos de seguridade para protexer ese dereito pero cando proceden das propias forzas públicas  os xornalistas vemos conculcado o dereito por aqueles que supostamente están para protexelo», explica Montes.

O SXG argumenta que a Policía debe protexer aos informadores tanto pola súa condición cidadáns como polo  papel que esta cumpre na sociedade como intermediario  da información que o pobo ten dereito constitucional a recibir. «Agardamos do Ministerio Fiscal unha decidida defensa dos dereitos da cidadanía a ser informados cando estes se vexan deteriorados por agresións a xornalistas», conlúe a misiva.

Comments are closed.