Os sindicatos de xornalistas contra contra toda proposta de censura

Rexeitan que o Goberno pretenda limitar a captación de imaxes da policía nas súas intervencións públicas. Sería unha involución democrática e unha censura previa que prohibe a Constitución.

A Federación de Sindicatos de Xornalistas, da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia,  rexeita que o Goberno pretenda limitar a captación de imaxes da policía nas súas intervencións públicas. Sería unha involución democrática e unha censura previa que prohibe a Constitución.

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) expresa a súa sorpresa e preocupación por unhas declaracións do director xeneral da Policía, Ignacio Cosidó, quen dixo que o Goberno vai estudar unha modificación da Lei sobre Protección da Seguridade Cidadá para impedir «a captación, reprodución ou tratamento de imaxes, sons ou datos de membros das Forzas de Seguridade no exercicio das súas funcións cando poidan poñer en perigo a súa vida ou en risco a operación que están a desenvolver». Se se leva a cabo este anuncio, será un dos ataques máis graves cometidos en democracia contra o dereito constitucional da cidadanía a recibir información veraz e plural e o dereito dos xornalistas a acceder a ela para difundila.

Á espera de ver de que xeito concreta o Goberno ese anuncio, se é que chega a facelo, hai que recordar que a lexislación vixente xa establece as correspondentes sancións para os que atentan contra a honra ou a imaxe de calquera axente. Ir máis alá desa protección -por exemplo, para evitar que os medios difundan imaxes dos abusos cometidos por algúns policías nas manifestacións, como as que se viron nas últimas semanas- supoñería implantar a censura previa, o que está expresamente prohibido pola Constitución.

Fronte ás afirmacións do vicepresidente do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, de que é necesario «encontrar o equilibrio entre o absoluto respecto ao dereito de manifestación e as garantías que se merece a integridade de quen exerce as súas tarefas públicas«, a FeSP recorda que ese equilibrio xa está regulado na nosa Constitución, na que se indica con toda claridade que o exercicio dos dereitos á información e a liberdade de expresión «non» pode restrinxirse mediante ningún tipo de censura previa» e que «só poderá acordarse o secuestro de publicacións, gravacións e outros medios de información en virtude de resolución xudicial».

A Xunta Executiva Federal da FeSP considera este anuncio de Cosidó como un paso máis no incremento das dificultades que o Ministerio do interior está a poñer as cámaras e fotógrafos para desempeñar o seu traballo nas manifestacións, mediante a actuación dalgúns axentes, xa sexa non permitíndolles achegarse ao lugar onde se produce a noticia, reténdoos e mesmo golpeándoos a pesar de ir identificados. A simple insinuación de que o Executivo pode levar a cabo esa reforma legal descualifica a quen a realizou porque se trata dun retroceso na nosa democracia que non se pode aceptar.

Os profesionais da información deron sobradas mostras de respecto ao traballo dos policías, cuxos rostros son ocultados nos medios cando se considera que a súa difusión lles pode poñer en perigo ou poñer en risco unha operación policial. Se hai xornalistas ou medios que non respectan esas e outras normas, os xuíces e tribunais interveñen e ditan as sentenzas que correspondan, sen necesidade de modificar a lei para limitar un dereito democrático no sentido que anunciou o director xeral da Policía.