O SXG reclama que as novas licencias FM signifiquen a creación de postos de traballo

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) reclama que o concurso para novas licencias de radio FM, actualmente en tramitación, non se resolva co Goberno da Xunta en funcións. O SXG lembra os malos precedentes das emisoras de Televisión Dixital Terrestre, que se repartiron co Goberno de Manuel Fraga en funcións. A consecuencia da precipitada resolución do concurso é que finalmente os recursos públicos adxudicáronse sen que se crearan os postos de traballo aos que están obrigadas as concesionarias.

No caso das licencias de TDT comarcais e autonómicas, as empresas adxudicatarias recibiron puntos a cambio, entre outros baremos fixados no DOG, de crear 1.675 empregos. Hoxe o número de persoas que traballa na Televisión Dixital Terrestre non chea ao cento.

De feito, a maioría das licencias outorgadas en 2009 están sen explotar, sen que ningún dos gobernos no poder dende aquela deran ningún paso para, como sería lóxico, advertir aos concesionarios de que se continúan a violar a normativa pode comezar o proceso para rescatar as concesións públicas.

O SXG advirte que non permitirá que o fraude do concurso da TDT se repita coas licencias de radio FM. Os traballadores da comunicación sofren unha enorme e continúa sangría de despedimentos. Con este panorama, a administración está obrigada moral e legalmente a esixir aos empresarios que solicitan e conseguen unha concesión de un ben público, como é o espazo radioeléctrico, a cumprir escrupulosamente cos compromisos de creación de emprego, que figuran nas propias concesións.

En opinión do SXG, ningún goberno en funcións debe repartir as novas licencias. Isto abre a porta a que as frecuencias se adxudiquen máis por intereses políticos que polos criterios baremábeis das bases do concurso, dificultando ademais que o seguinte Executivo esixa o cumprimento dos compromisos.

O SXG advirte que se reserva as accións legais precisas para pedir o rescate das concesións das empresas que non cumpriron cos compromisos de creación de postos de traballo, tanto na TDT, na que as concesións xa son firmes, como no futuro no concurso de licencias de radio xa en marcha.

Comments are closed.