A Alianza Social Galega, na que participa o SXG, nace para dar resposta aos recortes

Este mediodía presentouse a Alianza Social Galega cuxo manifesto está apoiado por 60 organizacións sociais e sindicais, entre elas o Sindicato de Xornalistas de Galicia.

As organizacións que integran a Alianza Social Galega apuntan que este tipo de políticas antisociais comezaron a ter especial virulencia desde maio de 2010 e que o PP as intensificou desde que chegou ao poder no Estado. Denuncian que estas actuacións «atenden só aos intereses dos mercados» —a banca e o capital financeiro internacional—, que mediante o seu «neoliberalismo depredador» pretende minguar o noso estado do benestar.

Entre as medidas antisociais que o PP impuxo nos poucos meses que leva a gobernar cabe destacar a suba do IRPF ás clases traballadoras, a conxelación do SMI e do IPREM —que serven de referencia para moitos salarios e prestacións sociais—, as restricións para o acceso á renda de emancipación e ás prestacións da dependencia, recortes salariais e de dereitos de traballadores e traballadoras públicos, así como unha reforma laboral que desmantela o actual modelo de negociación colectiva, abarata e facilita o despedimento e deixa os traballadores e as traballadoras expostos á arbitrariedade das empresas.

O proxecto de orzamentos xerais do Estado de 2013 será un novo golpe, xa que os principais recortes minguarán aínda máis os recursos destinados aos servizos públicos, agravando as consecuencias que provocaron os recortes de 2012 e provocando máis paro e recesión.+

En Galicia, a estas políticas de recortes de dereitos, de deterioración e privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais, promovidas desde o Goberno español e aplicadas aquí  con dureza polo Goberno galego, temos que engadirlles o incremento das desigualdades sociais; a destrución dunha parte fundamental do noso tecido produtivo (naval, leiteiro, conserveiro, pesqueiro, téxtil), así como a entrega dos recursos endóxenos ás multinacionais sen xerar valor engadido, nin para o territorio nin para as poboacións que os xestionan, o que está a provocar que teñamos os maiores índices de desemprego da nosa historia (preto de 300.000 persoas desempregadas); o abandono do Goberno galego da esixencia de dotar de novas competencias o noso Parlamento en beneficio do noso autogoberno, ou mesmo algo peor, como a súa colaboración na recentralización promovida polo PP estatal; ou un ataque sen precedentes ao idioma galego, na teima de eliminar o noso principal sinal de identidade nacional.

Non existe ningún colectivo nin ámbito social e cultural que se libre das consecuencias destas políticas, agás os poderes económicos e as elites que os representan. Por este motivo, desde a Alianza Social Galega afirman que se está ante unha «agresión ás clases populares» que non ten precedentes na nosa historia democrática. Ten, ademais, consecuencias laborais, sociais, económicas e políticas «moi negativas», tanto desde o punto de vista democrático como da xustiza social, coa única finalidade de favorecer os intereses e incrementar os beneficios do capital.

Por todo isto, e diante da perspectiva de que a situación empeore nos próximos meses, como consecuencia destas políticas promovidas polo BCE, a CE e o FMI, e postas en práctica en Galicia e o Estado polos gobernos do PP, as organizacións e entidades reunidas hoxe promoverán mobilizacións para expresar o rexeitamento da sociedade galega ás políticas que se están aplicando.

Os membros desta Alianza anunciaron que o vindeiro día 31 terá lugar unha xuntanza na que se fixarán e analizarán os pasos a seguir nas vindeiras datas.

Comments are closed.