O SXG advirte a Prisa que El País perderá prestixio e alcance cos despedimentos

O Sindicato de Xornalistas de Galicia fai un chamamento aos directivos  do xornal El País e do Grupo Prisa para que non deixen esmorecer  o papel referencial dese xornal  no xornalismo do Estado. A pretensión de facer un produto informativo da mesma calidade e alcance que tiña suprimindo edicións autonómicas, incluída a de Galicia, e rebaixando sensiblemente o cadro de persoal  está abocada á perda de prestixio e calidade.

O anuncio confirmado onte por representantes do Grupo Prisa da próxima presentación dun Expediente de Regulación de Emprego  que poría na rúa entre un 20 e un 25 por cento do actual cadro de persoal que saca a rúa ao diario, xunto coa desaparición practicamente total das páxinas dedicadas en exclusiva á información autonómica, como sucede en Galicia,  deixan á deriva esa cabeceira.

O xornal El País conseguiu nos seus primeiros vinte anos de publicación acadar un posto referencial no xornalismo  en lingua castelá,  non só en España senón no resto do mundo. Os seus directivos pretenden agora vivir deses réditos e mantelo como o referente que foi malia que na realidade van desmantelando  a verdadeira causa dos seu prestixio: os profesionais que tal cousa fan posible.

Resulta totalmente equivocado pensar que se pode facer un produto igual ou mellor en calidade despedindo máis xente e afastándose cada vez máis dos ámbitos autonómicos que definen o modelo de Estado español. O xornal resultante non contará co suficiente cadro de persoal para manter a mesma calidade e ademais estará moito máis separada da diversidade informativa estatal apegada á cidadanía que non viva en Madrid ou Cataluña, únicas autonomía que manteñen edición propia. Ademais atopamos innecesario este axuste de cadro de persoal nun xornal que resulta rendible economicamente  cando se poden poñer en marcha outras accións como reverter a importante suba de soldos dos altos executivos do grupo (23%) neste momento de crise.

Desde o SXG avanzamos que ese modelo está abocado a un paulatino fracaso no que o xornal ira perdendo o prestixio e alcance que chegou a ter e que tanto custou conseguir, xa que os réditos do seu pasado iran esmorecendo e desfacéndose nesta deriva na que non confía a súa viabilidade e crecemento a un cadro de profesionais  da información que cubra suficientemente un proxecto ambicioso.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia sostén que para que as empresas xornalísticas superen a crise económica estrutural deben ofrecer un produto informativo de calidade baseado na existencia de cadros de persoal o suficientemente amplos e nos que se conxuguen experiencia e xuventude. Só a calidade informativa producida por profesionais preparados e motivados pode mellorar a situación  actual do sector e recobrar o prestixio do xornalismo na sociedade.

Comments are closed.