O SXG reclama a paralización dos 93 despedimentos nos medios públicos galegos

Sánchez Izquierdo sostiña en febreiro que a CRTVG era unha empresa saneada e sen débeda

A Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) decidiu prescindir de 93 traballadores da súa plantilla a partir do 30 de xuño. Estes traballadores facían labores interinas con contratos suxeitos á oferta pública de emprego (OPE).

Unha vez cubertas as novas prazas, aínda que non adxudicadas, no recente e cuestionado proceso de oposicións, a dirección comezou o cese dos traballadores que non tiñan o seu posto fixo. Os traballadores cesados recibiron cartas nas que se lles comunicou o cese de emprego nas seguintes 24 ou 48 horas.

Este tipo de interinaxes repartíronse no seu momento de forma aleatoria e estaban asociados a un código que se correspondía con cada unha das prazas convocadas na OPE; o certo é que van á rúa case un cento de traballadores.

Na empresa coméntase que chamaron aos despedidos para facerlles asinar o cese dun día para outro, sen que as prazas se tiveran adxudicado -como é de rigor-, e sen que as listas de relevos estiveran pechadas. A directora de informativos está de vacacións, os traballadores non atopan interlocutores na dirección, e situáronse gardas de seguridade na entrada de pratós e controis.

Así mesmo, hai traballadores que cesaron o sábado e que dous días antes aínda non foran notificados, e outros moitos xa notificados que foron inmediatamente chamados para facer relevos este luns. É dicir, que se lles quita un contrato mínimamente estable por outro precario.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia xa advertiu anteriormente do perigo de que esta OPE fose aproveitada pola dirección do ente público para levar a cabo un ERE encuberto despedindo a asalariados que, non quitando praza, sen embargo o seu posto de traballo si sexa necesario e estrutural.

Por outro lado moitos dos despedidos teñen sentenzas en primeira instancia nas que se lles recoñece a súa demanda por contratación fraudulenta, e outros xa teñen sentencia firme polo mesmo. Polo cal, se prevé que moitos destes despedimentos terán un percorrido xudicial similar ao que xa tiveron os anteriores despedimentos das delegacións con varios fallos a favor dos traballadores.

O SXG reclama que se paralicen estes despedimentos ata que as prazas sexan debidamente adxudicadas e el proceso de OPE clarificado en todos os seus aspectos legais agora postos en cuestión por numerosas demandas que recorren desde a propia convocatoria ata os criterios de baremación de moitos casos individuais.

O presidente da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, declarou o pasado febreiro en comparecencia parlamentaria que a CRTVG “é hoxe unha empresa sen débeda mentres que outras televisións públicas deben centos de millóns de euros” (…) “CRTVG dá por concluído o seu saneamento financeiro e está nas mellores condicións para abordar a súa transformación xurídica, tal e como prevé a nova Lei de Medios Públicos».

A xunta Executiva da Federación de Sindicatos de Periodistas, da que tamén forma parte o SXG, reunida esta fin de semana en Madrid solidarizouse coa xente despedida na CRTVG no comunicado posterior á súa xuntanza.

Comments are closed.