Unha ex-traballadora de COPE Pontevedra relata ante o xuíz como foi acosada laboralmente

O SXG lembra, no Día da Libertade de Expresión, que a precarización do traballo dos xornalistas perxudica a información que recibe a cidadanía

A extraballadora da emisora COPE en Pontevedra, P. Castro, relatou hoxe no Xulgado do Social número 3 desta cidade como foi acosada laboralmente polos seus superiores. Segundo a versión da xornalista, a ansiedade provocada por esta presión obrigoulle a deixar de traballar por baixa médica. Unha vez recuperada, o director de COPE Pontevedra comunicoulle que a emisora xa non contaba cos seus servizos.

A profesional deu conta ante o xuíz de como o proceso de acoso laboral culminou nunha xornada cando, de volta na emisora tras cubrir unha información nunha lonxa de peixe durante varias horas, o director de COPE Pontevedra realizou comentarios despectivos sobre a súa hixiene persoal ó mesmo tempo que rociaba a habitación con ambientador.

Chamadas os actuais xefes da xornalista

Segundo informou a xornalista ó Sindicato de Xornalistas de Galicia, os seus superiores de COPE argallaron, tras despedila e ter noticia da demanda xudicial, unha campaña de despretixio profesional contra ela. Esta campaña incluiu chamadas os actuais superiores de P. Castro, segundo lle comunicou ó SXG.

Ante esta situación, a traballadora promoveu o xuízo celebrado hoxe para que se lle recoñeza unha relación de tipo laboral coa Cadena COPE dende 2001 de decembro de 2004. Durante ese periodo, a informadora argumenta que estivo sometida a condicións propias dunha relación laboral estable (horario fixo na sede da emisora, uso dos medios da empresa, grabacion de programas en autocontrol, realización de tarefas xornalísticas segundo as ordes directas dunha coordinadora de informativos, etc.) malia que o contrato a obrigaba a darse de alta no réxime de traballadores autónomos.

O SXG felicita os testigos

Varios xornalistas que acudiron como testigos ratificaron que coincidían coa informadora en numerosos actos informativos baixo órdenes dos seus superiores na COPE. O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) quere felicitar expresamente ós traballadores e compañeiros de Radio Nacional de España, Faro de Vigo, Colexio de Enfermería, Cadena Ser e Onda Cero que tiveron a valentía de declarar hoxe para que se esclareza toda a verdade sobre este caso. Pola súa banda, os directivos da emisora negara estas e outros feitos declarados pola xornalista.

No día da Liberdade de Prensa, o SXG sinala que non é necesario referirse ós compañeiros mortos en conflictos bélicos para atopar ataques á liberdade de prensa, pois eses ataques son cotiás en Galicia. O SXG cree que cada vez que un xornalista galego é acosado laboralmente, ou ve como as súas condicións de traballo son cada vez máis precarias, menoscábase a calidade da información e polo tanto, a propia liberdade de prensa.

Comments are closed.