O xornal gratuíto 20 Minutos pecha as súas dúas delegacións en Galicia

O SXG alarma polo constante peche das delegacións galegas dos medios estatais

As delegacións da Coruña e Vigo do xornal gratuíto 20 Minutos botarán o peche esta semana co despedimento das xornalistas que nelas traballaban. Estes despedimentos son consecuencia da esixencia do grupo noruegués propietario do diario español dirixido por Arsenio Escolar de acadar un recorte de 5 millóns anuais nas contas.

Tras anunciar a empresa a necesidade deste recorte, as negociacións comezaron este mes de xuño cunha proposta inicial de ERE para 43 traballadores con 25 días de indemnización, aproveitando a porta que deixa aberta a reforma laboral, pese a que 20 Minutos é o diario español máis aliñado co 15M e cunha liña editorial claramente contraria á política de recortes do Goberno de Mariano Rajoy. O anuncio do ERE aos traballadores fíxose por correo electrónico e a día de hoxe moitos dos afectados non dispoñen aínda de información suficiente sobre o proceso. O SXG amosa o seu desprezo a estas prácticas covardes e hipócritas por parte dos directivos dos medios que aproveitan diversos foros públicos para proclamarse defensores da profesión e da liberdade xornalística mentres esnaquizan redaccións e fan desaparecer delegacións sen polo menos dar a cara ante os xornalistas aos que despiden.

Tras case un mes de negociacións os representantes dos traballadores acadaron unha indemnización de 33 días por ano, máis unha paga extra lineal de 2.000 euros para os que cobren máis de 35.000 euros anuais e de 7.000 euros para os que non cheguen a esa cifra, así como reducir a cifra de saídas de 43 a 23, aínda que a estes súmanse 11 baixas voluntarias. O recorte conleva o peche de sete das quince delegacións do diario, entre elas as dúas galegas, Coruña e Vigo. As outras serán Murcia, Alicante, Valladolid, Bilbao e Asturias.

Coas 34 saídas xa aprobadas, a merma na plantilla do diario é notable. Actualmente conta con uns 190 traballadores, fronte aos 360 que tiña en 2007. A xuízo do SXG estas reducións drásticas abocan ao xornal a unha caída de calidade e alcance que contribuirán negativamente á súa recuperación.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia chama a poderes políticos e económicos e a toda a sociedade a alertarse pola progresiva e rápida desaparición de delegacións de medios estatais na nosa comunidade, o que levará tamén á invisibilidade mediática e irrelevancia dos problemas de Galicia no conxunto do Estado español. Nos últimos tempos desapareceu tamén a delegación do xornal El Mundo e está ameazado o mantemento da actual plantilla da axencia EFE.

Comments are closed.