Dá o paso que vale, afiliate ao Sindicato de Xornalistas

O Sindicato de Xornalistas de Galicia fai un chamamento aos profesionais da información (redactores, cámaras fotógrafos, infografistas, montadores, etc.) a formar parte desta organización que defende os intereses laborais dos traballadores dos medios de comunicación desde 2005. Hoxe o sindicato precisa que os traballadores e traballadoras do sector dean un paso adiante e se afilien para poder defender os seus lexítimos intereses como asalariados e como xornalistas e para poder manter e ampliar a capacidade de representación e de acción sindical do sindicato.

A repercusión brutal que a crise económica está a ter no sector xornalístico fai máis necesaria que nunca a existencia dunha organización como o SXG cuxos esforzos estean centrados en defender aos traballadores da información malia que iso signifique ter que estar enfrontados cos editores e directivos dos medios de comunicación e “desaparecer” en visibilidade pública.

O SXG é unha organización sindical pequena pero independente dos poderes políticos, económicos e mediáticos que traballa desde os comités de empresa e as delegacións de persoal para que os dereitos e as reclamacións dos traballadores teñan un soporte fiable e serio no que apoiarse. Desde os seus comezos o Sindicato de Xornalistas de Galicia acadou representación en comités de empresa dos principais medios de comunicación (Diario de Ferrol, La Región, La Voz de Galicia, Xornal, CRTVG) sendo a súa participación crucial en numerosos procesos e conflitos nestas e outras empresas  (Vieiros, ANT, etc) nas que asesorou e acompañou a compañeiros e compañeiras en momentos difíciles e situacións laborais e persoais complicadas. Traballouse sempre desde a busca da solidariedade entre toda a profesión na procura dunha situación de cohesión e fortaleza do sector necesaria para a defensa dos intereses comúns e con tal fin o SXG procura manter contacto e boas relacións coas asociacións de periodistas e co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O SXG tampouco deixou nunca de alzar a súa voz ante prácticas que considerou criticables e prexudiciais para os xornalistas en particular e para os dereitos da cidadanía á información en xeral. Leváronse a cabo actos públicos, emitíronse centos de comunicados e enviáronse cartas a concellos e deputacións; reitores e decanos das universidades; consellarías e direccións xerais, etc. O SXG tamén mantivo reunións con representantes da tres universidades para tentar regular e mellorar as condicións das prácticas de estudantes nos medios, con representantes políticos das forzas parlamentarias para alertarlles e instarlles a protexer a situación laboral do xornalismo desta profesión e recentemente co Director Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, ao que se lle transmitiron as preocupacións e solicitudes dos traballadores da comunicación en xeral e dos/as compañeiros/as da CRTVG en particular. O mantemento do emprego nun sistema empresarial viable de medios de comunicación galegos é actualmente unha das teimas deste sindicato que vai presentar proximamente un Plan de Competitividade e Calidade da Comunicación en Galicia ante a administración autonómica.

A afiliación ao SXG, unha das máis baratas da oferta sindical, é o único que permite que estas todas accións e representacións así como os servizos de asesoría legal poidan seguir existindo. As persoas que se afilian ao Sindicato de Xornalistas entran ademais a formar parte dunha rede federativa común con outras organizacións similares do Estado a través da Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP) e a poder usar todos os seus servizos. Xornalistas de Catalunya, Madrid, Andalucia, Canarias, La Rioja e Illes Balears únense con nós nesta federación que tamén nos representa á súa vez ante a Federación Internacional de Periodistas (FIP). A capacidade de actuación do noso sindicato será, aínda así, a que os seus afiliados sexan quen de darlle a través das súas cotas e da súa participación activa.

Para formalizar a afiliación pode descargarse o documento aquí e envialo á conta afiliacion@sindicatodexornalistas.com


Comments are closed.