O Sindicato de Xornalistas critica os despedimentos en Atlántico Diario

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) expresa a súa solidariedade coa ducia de traballadores que Atlántico Diario acaba de botar nun ERE, en principio temporal por seis meses. Cómpre destacar que varios destes asalariados teñen décadas de experiencia na empresa. O SXG lembra que Rías Baixas Comunicación, editora de Atlántico, e a súa matriz, o grupo La Región de Ourense, reciben, ao igual que o resto de empresas editoras de xornais en papel, importantes subvencións públicas.
As administracións seguen a entregar diñeiro ás empresas de comunicación sen esixirlles sequera un plan de emprego, algo que non sucede en ningún outro sector económico. Por exemplo, no que vai de lexislatura a Xunta de Galicia pagou ao Grupo La Región máis de 1,4 millóns de euros.

Reunión coa Xunta

En opinión do SXG, a Xunta e o resto de administracións deben vincular o pago destas axudas ao mantemento do emprego estable, como aprobou por unanimidade o Parlamento de Galicia na pasada lexislatura. De non facelo axiña, seguirá a aumentar a vaga de despedimentos que asola ao sector e diminuirá aínda máis a calidade da información que reciben os cidadáns.

O Sindicato de Xornalistas mantivo hoxe un encontro co responsábel da secretaría xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, no que lle transmitiu esta e outras demandas.

Comments are closed.