O Sindicato de Xornalistas de Galicia chama á folga xeral

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) chama aos seus afiliados, todos os compañeiros do sector e a todos os traballadores a participar no paro do próximo 29 de Marzo. «O decreto-Lei de reforma laboral aprobado polo goberno español é a normativa máis agresiva contra os traballadores de todas as aprobadas na vida democrática deste país desde a fin da ditadura», argumenta o SXG nun manifesto publicado ao fío da convocatoria.


O SXG entende que «a mellora económica do país non pasa polo empeoramento económico e vital dos asalariados». Ademais, denuncia que a nova norma legal dificulta que os traballadores se apoien uns aos outros á hora de negociar as súas condicións laborais cos empresarios. A central critica que «deixar na máis absoluta das posicións de desamparo ante a desigualdade incontestable na súa capacidade de negociación individual co empresariado parece ser para este goberno a única maneira de ‘mellorar a situación económica do país».
Sobre a data da convocatoria, o SXG recorda que o paro pode realizarse legalmente un día antes nas empresas que se adiquen á «elaboración de produtos, servizos e aprovisionamentos que teñan efectos inmediatos o día 29″. Neste grupo de empresas está, por exemplo, os xornais en papel. A decisión última de cando secundar a convocatoria corresponde en cada caso aos traballadores nas propias empresas.
Menos dereitos e máis posibilidades de despedimentos
Unha das medidas máis graves da reforma laboral é autorizar os despedimentos colectivos (os ERE) sen necesidade de que previamente os aprobe a autoridade laboral. Isto supón, de xeito sinxelo, que calquera empresario poderá despedir a parte do seu persoal cando teña perdas ou diminúan os seus ingresos durante nove meses.
A reforma xeneraliza o despedimento con 20 días de indemnización por cada ano traballado rebaixando as causas de improcedencia que en todo caso só sería retribuída con 33 días de indemnización por ano cun tope máximo de 24 mensualidades no canto dos actuais 45 días actuais ata 42 meses, permite que as empresas non apliquen o convenio colectivo nin os acordos asinados cos comités cando sufran baixadas de ingresos ou teñan previsión das mesmas e acorda que as empresas de traballo temporal (ETT) poidan actuar como axencias de colocación, no canto de potenciar o Servizo Público de Emprego (o antigo INEM) para que cumpra esa función.
O SXG é o sindicato máis numeroso do sector da comunicación en Galicia. Arestora ten representación en La Voz de Galicia, CRTVG e La Región de Ourense.

Comments are closed.