A ASESORÍA LEGAL DO SXG LOGRA O SEU PRIMEIRO ÉXITO Ó CONSEGUIR QUE UNHA PUBLICACIÓN INDEMNICE A UNHA TRABALLADORA POR DESPIDO IMPROCEDENTE

A consultoría legal do SXG ven de acadar o seu primeiro éxito ó conseguir que unha publicación galega sobre a terceira idade indemnice con 4.000 euros a unha traballadora por despido improcedente.
Como figura na demanda presentada, unha das razóns nas que baseaba a xornalista a súa reclamación foi que recibira unha orde empresarial directa contraria ó dereito constitucional dos xornalistas a manter o segredo profesional e non revelar as súas fontes.
Despois de negarse a desvelar os seus contactos, que a empresa pretendía incorporar a unha base de datos propia, a traballadora foi despedida estando en situación de baixa médica. O motivo alegado pola editora para o despido foi falta de rendemento laboral.
Os servicios xurídicos do Sindicato de Xornalistas de Galicia –a consultoría Arnoso e Angueira– fixéronse cargo do caso despois de que a afectada decidise recurrir a xustiza para denunciar o que consideraba un despido improcedente. Antes de chegar a xuizo, a empresa tratou de acadar un acordo coa traballadora despedida ofrecéndolle 3.500 euros. Finalmente, e tras presentar unha ampliación da demanda inicial a instancias da xuiz, a oferta mellorouse ata os 4.000 euros e a denunciante aceptou o trato.
O SXG quere subliñar o dereito dos profesionais da comunicación, recollido no artigo 20 da Constitución Española, a manter en segredo as fontes xornalísticas e recordar ás empresas que non poden coaccionar a un traballador para que desvele os seus contactos. Neste caso a xustiza sempre estará da parte do xornalista. Precisamente o Estatuto do Xornalista, que se está tramitando no Congreso recolle a necesidade de desenvolver unha lei que dea protección ós xornalistas ante este tipo de situacións e garanta o seu dereito a acollerse ó segredo profesional.

Comments are closed.