O Sindicato de Xornalistas rexeita a reforma laboral porque é inxusta e non creará emprego

O Sindicato de Xornalistas de Galicia, integrado na Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), expresa o seu rotundo rexeitamento á reforma do mercado laboral que aprobou onte o Goberno, porque non vai servir para crear emprego, abarata o despedimento, recorta dereitos dos traballadores en beneficio dos empresarios e, ademais, é inxusta porque fai recaer a crise sobre os máis débiles mentres protexe a quen a provocou. O propio Mariano Rajoy recoñeceu que este ano non se creará emprego.

Unha das medidas máis graves das acordadas é a de autorizar os despedimentos colectivos (os ERE) sen necesidade de que previamente os aprobe a autoridade laboral. Isto supón, de xeito sinxelo, que calquera empresario poderá despedir a parte do seu persoal cando teña perdas ou diminúan os seus ingresos durante nove meses.

Nos medios de comunicación, onde se perderon máis de 5.000 postos de traballo nos tres últimos anos, esta reforma só vai servir para que os empresarios poidan despedir cun custo menor. A suposta intención de contratar a mozas vai ser utilizada por moitos deles para incrementar aínda máis a xa alarmante precariedade que se vive neste sector. Isto repercutirá negativamente no traballo dos xornalistas e, en consecuencia, tamén afectará ao dereito fundamental á información que ten a cidadanía.

A Xunta Executiva Federal da FeSP nunha primeira avaliación, á espera de coñecer as medidas na súa integridade o texto, considera que esta reforma prexudica a todos os traballadores en xeral, e aos xornalistas de xeito especial porque esta profesión non está regulada legalmente. Esta falta de regulación supón na práctica que moitos informadores foron despedidos sen indemnización e sen seguro de desemprego ou viron recortados os seus salarios unilateralmente pola súa empresa sen ter os mesmos dereitos que o resto dos traballadores.

A FeSP responsabiliza desta situación ao PSOE e ao PP, porque non quixeron regular por lei esta profesión para non enfrontarse aos grandes grupos de comunicación.

A reforma aprobada hoxe xeneraliza o despedimento improcedente con 33 días de indemnización por cada ano traballado e un tope máximo de 24 mensualidades no canto dos actuais 45 días actuais ata 42 meses, permite que as empresas non apliquen o convenio colectivo do seu sector cando atravesen por dificultades económicas e acorda que as empresas de traballo temporal (ETT) poidan actuar como axencias de colocación, no canto de potenciar o Servizo Público de Emprego (o antigo INEM) para que cumpra esa función.

Comments are closed.