O Sindicato de Xornalistas critica a surrealista nota de USO sobre entrevistas sen redactores na TVG

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) critica a nota do sindicato USO na TVG na que defende que cámaras da emisora pública tomasen declaracións altos cargos da Xunta, incluídos conselleiros, sen a presenza dun redactor. As preguntas foron realizadas por membros dos gabinetes da propia Xunta.

O SXG lémbralle a USO que as funcións dos cámaras da TVG están reguladas no DOG do 7 de xaneiro de 1992, que se anexan canda esta nota de prensa.

O DOG establece que os cámaras traballarán en colaboración con redactores e realizadores. A lóxica indica que é un requisito imprescindíbel para que o medio público poida cuestionar aos altos cargos e dar así unha información máis veraz. A demais, o DOG establece que os informadores son os “reponsables da fontes de información e máis da avaliación e orientación dos contidos”.

Entre as funcións dos cámaras non está realizar entrevistas nin tomarlle declaracións a cargos públicos ao ditado dos seus xefes de prensa, como tiveron que facer varios profesionais con conselleiros, directores xerais e outros altos cargos da xuntas.

O Comité de Empresa denunciou onte está práctica na TVG. Nese comité participa USO. Cando se tratou a emisión do comunicado, este sindicato non se opuxo á emisión da nota, pero hoxe arremete contra a versión dos traballadores, con argumentos que tamén está a usar a CRTVG nas súa replica.

En opinión do SXG, a afirmación de USO de que estas entrevistas sen redactor non se fan máis acotío «por la imposibilidad física que provoca la no disposición de un tercer brazo que suele subsanarse con un redactor que sujete el micrófono, sea de Televisión de Galicia o no» é surrealista. O SXG cuestiona a USO se considera que se poden substituír aos informadores por pés de micros.

Por último, o SXG fai un chamamento á unidade de todos os traballadores e sindicatos na CRTVG. É evidente que nos próximos meses pode abrirse un conflito laboral na Compañía, polo que resulta imprescindíbel a unión de todas as forzas dos asalariados.

Comments are closed.