O SXG RECLAMA A NOVA DIRECCIÓN DA CRTVG QUE RENOVE O CONTRATO DE PRETO DUN CENTENAR DE TRABALLADORES DESPEDIDOS

O SXG reclama á nova directiva da Compañía de Radio Televisión Pública que renove os contratos do cento de traballadores despedidos e reduza as tasas de persoal eventual na plantilla do ente público. En opinión do Sindicato de Xornalistas, é preciso unha profunda renovación dos medios públicos galegos.
A CRTVG cubre boa parte dos seus postos de traballo con contratos artísticos ou por obra e abusa dos Plans Labora e a contratación baixo a fórmula de ETTs. O SXG pensa que un ente público debe dar exemplo e non pode ter un índice tan alto de precariedade laboral entre os seus empregados. O SXG considera lamentable que se teña permitido esta situación e súmase as queixas dos traballadores despedidos que denuncian o mal trato recibido e a desinformación coa que a dirección saínte da CRTVG ten acometido os despidos.
Dende o Sindicato de Xornalistas de Galicia reclámase o Goberno da Xunta que acelere a designación da nova directiva da CRTVG para solucionar canto antes a situación destos traballadores. O SXG solicitará unha reunión co novo equipo directivo, unha vez tome posesión, para tratar de mediar no problema e intentar atopar unha solución o despido en masa de tantos traballadores.
Asimesmo, o SXG incluirá esta demanda entre os asuntos que está abordando cos principais representantes institucionais e políticos de Galicia na ronda de contactos que está a levar a cabo para facer a súa presentación oficial como Sindicato de Xornalistas tras a súa constitución o pasado 27 de febreiro. O SXG nace coa vocación de atallar a elevada precariedade laboral dos profesionais da comunicación que traballan dentro do territorio galego e mellorar as súas condicións de traballo.

Comments are closed.