O Sindicato de Xornalistas de Galicia solidarízase cos xornalistas da Coruña ante a actitude do alcalde

Francisco Vázquez expulsou de malos modos ós reporteiros gráficos dun acto público, ante o que os xornalistas realizaron un plante

O Sindicato de Xornalistas de Galicia apoia a resposta dos xornalistas que cubren a información do Concello da Coruña, que o pasado día 30 de marzo fixeron un plante na Praza de Maria Pita ante a inaceptable actitude do Alcalde da Coruña. Previamente a este acto de protesta, Francisco Vázquez expulsara con malas formas ós reporteiros gráficos que cubrían a inauguración dunha exposición da ONCE no Palacio María Pita.

A Xunta Executiva en funcións do SXG lamenta e condena expresamente este comportamento de Francisco Vázquez, que en ocasións anteriores xa ten dado mostras dun trato abusivo e irrespetuoso cara ós profesionais da prensa. O SXG lembra que a labor dos xornalistas e reporteiros gráficos fai realidade o dereito constitucional da cidadanía a recibir información.

Paco Vázquez debe pedir desculpas

Por isto, SXG pídelle ó alcalde da Coruña que se desculpe publicamente diante dos traballadores ós que impediu, sen causas xustificadas, o exercicio da súa profesión dificultando, asemade, o dereito dos coruñeses a estar ó tanto e ter imaxes dos actos públicos nos que participa o seu alcalde. Ademais, o SXG recorda a tódolos cargos públicos a súa obriga de respetar e facilitar, na medida das súas posibilidades, o traballo dos profesionais da comunicación, que actualmente en Galicia teñen que desenvolver a cotío o seu labor nunhas condicións laborais de gran precariedade laboral e de medios, que se ven agravadas por feitos como estes.

Comments are closed.