O SINDICATO DE XORNALISTAS PIDE Ó GOBERNO ESTATAL QUE REABRA A EMISORA DE RADIO NACIONAL EN GALEGO

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) solicita ós gobernos liderados polo PSOE, o Goberno de España e a Xunta de Galicia, que apoien a reapertura da cadea de Radio Nacional de España (RNE) en galego, a antiga "Radio 4". O Sindicato únese así á campaña social que ven de lanzar a Mesa pola Normalización Lingüística para recuperar a canle de RNE en lingua galega, pechada en 1992.

Radio 4 emite en catalán

Cómpre lembrar que na actualidade "Radio 4" segue a funcionar en Catalunya, onde esta emisora serve para, entre outros fins, promocionar o idioma autonómico nos medios. O SXG entende que o reducido uso do galego polas empresas de comunicación fai imprescidible que as administracións galegas se involucre xa na súa promoción mediante accións concretas.

Ademais, a reapertura de "Radio 4" suporía unha oportunidade única para xerar novos postos de traballo con estabilidade. Un traballo digno para os profesionais da comunicación é, en opinión do SXG, condición imprescindible para lograr que os cidadáns dispoñan dunha información plural e veraz.

Foi precisamente a pluraridade informativa un dos compromisos clave que levaron o PSOE a gobernar en Madrid e Santiago, polo que o SXG solicita a este partido que, agora que está no poder, tome medidas concretas. Como primeiro paso, o SXG esixe publicamente que se realice canto antes o estudo de viabilidade da reapertura de "Radio 4" en Galicia, tal e como acordou o Congreso dos Deputados en 2004.

Comments are closed.