O SINDICATO DE XORNALISTAS PIDE Á XUNTA QUE APOIE A CREACIÓN DE EMPREGO DIGNO NA CONCESIÓN DE EMISORAS DIXITAIS

A creación de postos de traballo dignos debe ser un factor determinante para a Xunta cando escolla que empresas operarán as novas emisoras dixitais de radio e televisión en Galicia. A través deste comunicado, o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) solicita á coalición PSdG – BNG que fomente o traballo digno na próxima concesión de máis de 130 emisoras locais . En ningún caso o Sindicato aceptaría que o lanzamento destes medios se realice a costa de facer aínda máis precarias as pésimas condicións laborais dos traballadores da comunicación en Galicia.

Loxicamente, no caso que a Xunta decida revisar a adxudicación que fixo o anterior Executivo de dúas canles de televisión dixital autonómicas á COPE e ó Grupo Voz, o SXG tamén solicita que se aplique nesta hipotética revisión o criterio de fomento do emprego estable.

Sen estabilidade laboral non hai medios independentes

O SXG argumenta que, se o novo Goberno quere cumplir a súa promesa de apoiar a independencia dos medios, é imprescindible que fomente que os traballadores desas empresas teñan unha mínima estabilidade laboral. Por iso, a concesión das emisoras dixitais constitúe, en opinión do Sindicato, unha oportunidade única para a Xunta de fomentar un xornalismo independente e profesional.

Na actualidade, a contratación de falsos autónomos, as xornadas abusivas e a explotación de estudiantes en prácticas son prácticas habituais na maioría das empresas da comunicación en Galicia. O aumento destas formas de explotación laboral sería unha das consecuencias de que o novo goberno non aplicase o criterio de promoción de postos de traballo estables na resolución destas convocatorias.

Cómpre lembrar que o SXG pediu en maio ó anterior Goberno a retirada destes concursos, porque consideraba insuficiente a puntuación que nos baremos de valoración se daba á creación de postos de traballo. Ademais, a Xunta tampouco fixo a imprescindible diferenciación entre contratación estable e temporal.

Por exemplo, no caso do "Decreto 81/2005 de regulamento do réxime xurídico da servizo público de televisión dixital" a creación de emprego recibiu un máximo de só 15 puntos, sen especificar se os postos de traballo deberían corresponder á plantilla da empresa.

É evidente que a precariedade da profesión de xornalista está perxudicando ó dereito dos cidadáns a recibir información completa e veraz, dereito recollido na Constitución Española, polo que cómpre que as administracións se impliquen na creación dunhas condicións laborais dignas no sector da comunicación.

Comments are closed.