A FeSP e o SXG denuncian o lamentable tratamento que fan algúns medios do accidente aéreo de Barajas

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), observa con pesar que o lutuoso suceso de Barajas está servindo, unha vez máis, para que algúns medios de comunicación, sobre todo televisivos, saquen o peor do seu quefacer mediático para disfrazalo de información e ofrecer un espectáculo morboso.

Os profesionais da información non podemos senón pedir desculpas ás vítimas e aos seus familiares por estas actuacións lamentables nas que se ven involucrados algúns dos nosos colegas que, por suposto, negamos que neses momentos estean exercendo de xornalistas, posto que neses supostos non están garantindo o dereito á información de interese público, senón buscando audiencia coa dor allea.

A FeSP quere volver a denunciar que estes excesos contra as persoas non se levarían a cabo sen a indución necesaria dos directivos deses medios e programas, que son quen impoñen aos seus traballadores estas transgresións ás normas deontolóxicas da nosa profesión.

Perante estes feitos a FeSP e o SXG reiteran diante dos poderes responsables a necesidade e a urxencia dunha lei que regule o dereito á información da cidadanía, sen vulnerar outros dereitos, e dun Consello do Audiovisual de ámbito español.

27 de agosto de 2008
Xunta Executiva Federal da FeSP

Comments are closed.