Os sindicatos de xornalistas contra a privatización dos informativos nas TVs

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, reclama que as televisións públicas non subcontraten os seus programas informativos a produtoras privadas.

A FeSP sempre defendeu a necesidade de que existan medios de comunicación públicos, porque ofrecen á cidadanía uns servizos que os medios privados non poden garantir.

Por ese motivo, esta organización sempre rexeitou que se subcontrate a empresas privadas a xestión de toda ou dunha parte da programación, e de xeito especial os servizos informativos, unha práctica que aumentou nos últimos anos. Estas subcontratacións levan unha grave inseguridade para os traballadores e, ademais, minguan a profesionalidade do traballo e dificultan o establecemento de dereitos profesionais e deontolóxicos dos persoais.

A Xunta Executiva Federal da FeSP defende e reclama que a produción dos programas das televisións públicas, sobre todo os informativos, recaia nos profesionais dos propios medios e non en produtoras privadas. Os sindicatos que a integran defenderon esta postura para Radiotelevisión Española e para as radios e televisións autonómicas e locais das comunidades autónomas.

Agora, a FeSP aposta por unha Radio e Televisión de Baleares (IB3) que rompa co modelo que implantou o anterior Goberno autonómico de Jaume Matas, do Partido Popular, que optou por externalizar os programas e os espazos informativos.

A maioría dos partidos que pactaron para gobernar nas Illas Baleares defenderon un cambio nos medios públicos desa comunidade, para que non dependesen do Goberno de quenda e para acabar con esa externalización. Co actual Executivo balear houbo avances importantes, pero se mantén a subcontrata dos programas e servizos informativos a produtoras privadas.

A FeSP apoia ao director xeral adxunto da Radio e Televisión Balear, que expresou publicamente o seu desacordo co continuísmo que se mantén nese ente público. El asumiu ese posto despois de que lle aceptasen as condicións que expuxo “entre elas, que os servizos informativos fosen realizados por profesionais do persoal e non por unha empresa privada”, e iso non se cumpriu. Por iso, a Executiva da FeSP exprésalle o seu recoñecemento e apoio.

A FeSP está formada polo Sindicato de Xornalistas de Galicia, o Sindicat de Periodistes de Cataluña, o Sindicato de Periodistas de Madrid, o Sindicato de Periodistas de Andalucía, o Sindicato de Profesionales de la Información de La Rioja, a Unión de Profesionais da Comunicación de Canarias e o Sindicat de Periodistes de les Illes Balears.

Comments are closed.