Os sindicatos de xornalistas alertan da violación das concesións de TDT e radio

A Xunta Executiva Federal da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, esixe ás administracións públicas que vixíen o cumprimento dos compromisos adquiridos polas empresas ás que nos últimos anos concederon licenzas de radio ou televisión dixital terrestre (TDT).

En moitas ocasións as concesionarias están a incumprir escandalosamente a súa obrigación de contratar aos profesionais da información necesarios para o correcto servizo público polo que reciben as licenzas.

Contra a privatización das TVs públicas

A FeSP tamén alerta da privatización que se está a sufrir en numerosas televisións públicas. Así, a Xunta, reunida este fin de semana, reitera o apoio á denuncia do Sindicat de Periodistes de lles Illes Balears contra a televisión IB3 para acabar coa externalización de toda a programación da emisora pública balear, incluídos os informativos.

Do mesmo xeito, expresa o seu apoio ás mobilizacións do persoal de Telemadrid, tanto na súa loita por un convenio digno e contra as privatizacións, como contra a manipulación informativa.

Así mesmo, solidarízase cos traballadores de Andalucía Directo (programa de Canal Sur TV externalizado) na negociación do seu convenio colectivo, paralizado pola intransixencia da empresa produtora.

O PSOE debe cumprir o prometido

Ante a deterioración crecente da profesión xornalística, coas súas negativas consecuencias para o dereito que ten a cidadanía a recibir información veraz e plural, a Xunta Executiva Federal da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) considera urxente aprobar unha lei que regule ese dereito e os dos xornalistas, así como os deberes destes.

Por este motivo, a FeSP decidiu impulsar o diálogo entre todas as organizacións de xornalistas, co fin de alcanzar un documento consensuado tal e como expón o PSOE no seu programa de Goberno.

Esta Federación espera que o partido gobernante cumpra por fin o compromiso que adquiriu publicamente José Luís Rodríguez Zapatero, e non volva deixalo durmir no Congreso dos Deputados como fixo durante a anterior lexislatura.

Sete sindicatos unidos

A FeSP está formada polo Sindicato de Xornalistas de Galicia, o Sindicat de Periodistes de Cataluña, o Sindicato de Periodistas de Madrid, o Sindicato de Periodistas de Andalucía, o Sindicato de Profesionales de la Información de La Rioja, a Unión de Profesionais da Comunicación de Canarias e o Sindicat de Periodistes de les Illes Balears.

Comments are closed.