O SXG gaña as eleccións en La Voz de Galicia

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) será a organización con máis representantes no Comité Intercentros de La Voz de Galicia, órgano que reúne aos representantes dos traballadores deste medio. Tras as eleccións de onte, o SXG logra catro membros no Comité, mentres que CIG, UGT e CC.OO. terán tres cada un.

O SXG foi o máis votado este luns nas eleccións do Comité da empresa na provincia da Coruña, onde conseguiu seis representantes (47 votos) por dous de CIG (13 votos) e un de UGT (11 votos).

Por outra banda, no comité de Sabón, onde está a sede central do medio, o SXG obtivo tres representantes. Na Mesa que reúne á redacción e á administración, o SXG obtivo tres representantes, igual que CIG e CC.OO. O Sindicato non se presentou na Mesa de talleres, no que gañou Comisións con dous representantes, CIG logrou un e UGT outro.

Ademais, a semana pasada houbo eleccións no Comité da provincia de Pontevedra, comicios que gañou a única listaxe presentada, de UGT con cinco membros.

Chamamento á colaboración

O SXG felicita aos outros sindicatos polos seus resultados e fai un chamamento público ao diálogo entre as forzas de cara a mellorar as condicións de todos os traballadores da empresa. En todo caso, o SXG lamenta que, no caso do Comité de Sabón, CC.OO. presentase un recurso, sen base legal, diante da Consellería de Traballo no que negaba a capacidade do Sindicato a participar nestas eleccións. O citado recurso será resolto nos próximos días pola Xunta.

O Sindicato quere agradecer publicamente a confianza depositada nel polos traballadores desta compañía e que o converteron na forza máis representada no Comité Intercentros. Salienta especialmente o esforzo dos asalariados que decidiron presentarse baixo as súas siglas, malia ser un sindicato con só tres anos de historia.

O SXG gañou todas as eleccións nas que se presentou

Tras o triunfo deste luns, o Sindicato de Xornalistas de Galicia convértese na forza máis representada nos comités de empresa de La Región de Ourense, Diario de Ferrol e La Voz de Galicia. Cómpre subliñar que o SXG gañou até o de agora todos os comicios nos que presentou candidatos.

Comments are closed.