O SXG mostra o seu apoio a Isabel Quintairos

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) mostra o seu respaldo a Isabel Quintairos, redactora da COPE en Santiago, despedida de xeito ilegal por esta emisora. O Sindicato considera especialmente grave que a empresa -segundo indica a primeira sentenza sobre o caso, recorrida pola compañía- despedise de forma improcedente á traballadora por motivos relacionados coa súa vida privada e a súa ideoloxía.

A locutora, a que avala unha gran traxectoria profesional, informou ao SXG que mantén aberto o preito contra COPE. E é que Quintairos foi despedida recentemente por segunda vez, despois de que a Xustiza obrigase á emisora a readmitila tras o primeiro despido.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia mostra a súa solidariedade coa compañeira no proceso xudicial contra a emisora, proceso no que a traballadora esixe a súa readmisión. O Sindicato insiste en que a mobilización e a organización dos traballadores son a única vía para loitar contra os abusos laborais, frecuentes en moitas empresas de comunicación de Galicia.

Comments are closed.