O SXG esixe á Xunta medidas concretas e urxentes para crear emprego estable nos medios

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) reclama que a Xunta tome medidas concretas e urxentes contra a precariedade no sector. Tras a intervención do secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, hoxe no Parlamento admitindo os altos índices de eventualidade nos medios; o Sindicato cre que non abonda recoñecer oficialmente e por vez primeira a existencia do problema, o Goberno debe tentar solucionalo e deixar de mirar para outro lado.

Fernando Salgado cifrou hoxe na Comisión Institucional do Parlamento nun 50% o índice de precariedade nos medios galegos, 20 puntos máis que na media española. O secretario xeral tamén admitiu que a eventualidade está a aumentar pola aparición de novos medios e o abuso dos bolseiros e colaboradores.

O SXG pide que a Xunta tome cartas no asunto canto antes. Abonda con que vincule as cuantiosas subvencións que reparte aos empresarios da comunicación á creación de emprego estable.

Unha solución realizable

O Sindicato propón que os medios que demostren que crean emprego estable reciban máis puntuación nas convocatorias de subvencións. Trátase dunha fórmula simple e eficaz, que se aplica con éxito en multitude de sectores que reciben cartos públicos.

O galego como escusa dunha ilegalidade

O SXG denunciará a entrega de subvencións polo galego sen que as empresas cumpran o estipulado no DOG. O Sindicato refírese ao expresado hoxe pola deputada Modesta Riobó de que é “evidente” que os diarios non respectan a lingua das fontes nas citas textuais, tal e como esixen as ordes do DOG polas que reciben millonarias axudas ano tras ano.

Por último, a organización agradece á deputada do Bloque Modesta Riobó ter trasladado á Cámara as demandas dos traballadores da comunicación, que foron debatidas hoxe como consecuencia da mobilización organizada polo SXG o 5 de novembro baixo o lema “A miña precariedade é a túa desinformación”.

Comments are closed.