O Parlamento debate o luns sobre o galego e a precariedade nos medios

O Parlamento de Galicia debaterá este luns as políticas da Xunta para aumentar o uso do galego nos medios de comunicación e loitar contra a precariedade laboral nestas empresas. O texto da proposta explica que a presentación da mesma é produto da mobilización que organizou o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) en novembro baixo o lema "A miña precariedade é a túa desinformación ".

A Pregunta recolle a denuncia do Sindicato de que as cuantiosas subvencións serven para financiar "as xornadas laborais abusivas, os contratos en precario, o abuso de persoal en prácticas e o aumento da porcentaxe de falsos autónomos". O mesmo texto indica que “a Xunta de Galicia establece axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión”.

O SXG defende que, no caso de existir, as subvencións aos medios non poden servir para financiar a explotación laboral de moitos traballadores, como sucede na actualidade.

Cómplices dunha ilegalidade

O Sindicato alerta que os partidos e a Xunta non poden seguir sendo cómplices desta desfeita; pois é evidente que a maioría das empresas están a vulnerar as condicións das ordes de axudas publicadas no DOG pola Xunta nos últimos anos, especialmente no referido a promoción da lingua.

Atraso na tramitación

A Pregunta será debatida na Comisión Institucional a partir das 10:30. O comezo da tramitación chega tras catro meses de tramitación, un período de todo inusual na burocracia da Cámara.

En directo por internet

A postura dos partidos políticos sobre este importante tema poderase seguir en directo a través da web da Cámara, www.parlamentodegalicia.es. Por último, a organización agradece á deputada nacionalista Modesta Riobó a presentación da “Pregunta sobre as axudas económicas destinadas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión”.

Comments are closed.