Traballadores dunha ducia de medios piden o fin da precariedade para mellorar a calidade informativa

Varias ducias de xornalistas galegos están reunidos hoxe en Santiago de Compostela para debater os dereitos dos traballadores da información. Profesionais de medios– entre outros Televisión de Galicia, Radio Galega, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Opinión da Coruña, Axencia Galega de Noticias, Europapress, Diario de Ferrol, Que, A Nosa Terra, La Región de Ourense, Diario de Ferrol e Onda Cero- e gabinetes de comunicación participan na xornada formativa organizada polo Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG). A primeira conclusión do encontro é que para mellorar a calidade da información que receben os cidadáns resulta imprescindible acabar coa precariedade que sofren moitos informadores.

Problemas do xornalismo galego
Os asistentes están a expor as condicións laborais en cada unha das súas compañías co fin de atopar solucións comúns. Traballadores sen contrato, falsos autónomos, xornadas de 50 horas semanais con só un día libre e perda do poder adquisitivo son algunhas dos problemas habituais na profesión.

Expertos cataláns
Os expertos en relacións laborais do Sindicat de Periodistes de Cataluña (SPC), Fabián Nevado e Roberto Rodríguez, están asesorar aos participantes sobre como negociar unha mellora das súas condicións laborais particulares, aproveitando a súa experiencia na negociación colectiva en medios tan importantes como RTVE e La Vanguardia. A situación nos medios públicos e os dereitos de autor son outros dos temas que están a centrar o curso, que continuará esta tarde no Hotel Bonaval da capital.

Sindicatos en sete autonomías
O Sindicato de Xornalistas de Galicia defende os dereitos de traballadores do sector comunicación, incluíndo aos xornalistas gráficos, e forma parte da Federación de Sindicatos de Periodistas (FesP), na que se integran organizacións de Madrid, Cataluña, Andalucía, Baleares, Canarias, A Rioxa e Baleares. As xornadas, baixo o título "Dereitos laborais básicos e estratexias de negociación”, contan co apoio da Consellería de Traballo do goberno autonómico.

Comments are closed.