O SXG pide a manifestantes e sindicatos que respecten aos informadores

O Sindicato lamenta as ameazas que varios profesionais sufriron hoxe nas protestas dos gandeiros ante a planta de Lagasa, do grupo Leite Celta, en Pontedeume.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia volve, novamente, a pedir a manifestantes e sindicatos que respecten e protexan a labor informativas que realizan os traballadores dos medios de comunicación.

Así, lémbralles que os cámaras, reporteiros, xornalistas ou fotógrafos que cobren este tipo de actos están realizando o seu traballo sen xulgar nin valorar esas accións.

Hoxe, varios compañeiros dos medios foron ameazados e case que agredidos por un grupo reducido de manifestantes que participaban nas protestas que os gandeiros realizaron ante a planta de Lagasa, do grupo Leite Celta, en Pontedeume.

Non é a primeira vez que os traballadores dos medios sofren este tipo de situacións e tampouco é a primeira vez que piden a manifestantes e sindicatos que respecten o seu labor.

O SXG tamén reclama ás forzas e corpos de seguridade do Estado que velen pola súa seguridade e defendan, na medida do posible, o exercicio da liberdade de prensa e información.

O Sindicato de Xornalistas quere deixar claro que respecta ao conxunto dos manifestantes e sindicatos que teñen convocado esta manifestación e amosa o seu total apoio as súas reivindicacións. E, aínda que é consciente de que as amezas e agresións sempre son obra de grupos reducidos de incontrolados, pídelles aos organizadores que tenten velar pola seguridade dos informadores.

O SXG destaca a rápida reacción de algún sindicato agrario convocante da protesta, que xa enviou notas públicas condenando os incidentes, como UU.AA.

Comments are closed.