Análise das propostas dos partidos sobre os xornalistas

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, lamenta que a maioría das formacións políticas esquezan nos seus programas propostas para garantir o dereito á información da cidadanía.

Ante as eleccións xerais do próximo 9 de marzo, a FeSP cre necesario recordar que os xornalistas enfrontámonos a moitos problemas profesionais e laborais para desenvolver a nosa tarefa diaria. Isto afecta directamente á calidade do noso traballo e, por conseguinte, ao dereito á información da cidadanía.

Con todo, a maioría das formacións políticas non están facendo ningunha referencia a este tema na campaña electoral. A maioría delas nin sequera inclúeno nos seus programas.

Constituída por sindicatos independentes e soberanos nas súas decisións, a FeSP non pide o voto para un partido concreto. Limítase a expor o interese polos problemas da nosa profesión que demostrou cada un dos partidos e como os plasmaron nos seus programas electorais, para que cada xornalista este informado diso ante as próximas eleccións.

Este é un simple resumo da situación en cada programa electoral, a título indicativo e ordeado en función do número de votos en Galicia:

PP
O Partido Popular non dedica ningunha das case 2.000 propostas do seu programa electoral ao dereito da información e as condicións laborais dos xornalistas.

PSOE
O Partido Socialista Obreiro Español comprométese a promover unha Lei Xeral Audiovisual, estender a reforma de RTVE a todas as televisións públicas autonómicas e locais, reformar axéncia EFE e crear o Consello Superior de Medios Audiovisuais e Multimedia. Tamén di que promoverá un Estatuto do Xornalista Profesional, aínda que o condiciona a que se logre o consenso entre sindicatos, empresas e asociacións profesionais.

BNG
Aínda que non fai mención no seu programa, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) respondeu ás inquietudes manifestadas pola FeSP na súa carta aos candidatos e comprometeuse cos nosos postulados.

EU
Esquerda Unida, na pasada lexislatura, asumiu o borrador de Estatuto do Xornalista Profesional elaborado por todas as organizacións de xornalistas e presentouno no Congreso como proxecto de lei. Agora, aposta pola calidade dos medios de comunicación públicos, invita aos privados a que sigan este modelo e propón: un Consello da Información Audiovisual, desenvolver o segredo profesional e a cláusula de conciencia, aprobar un Estatuto do Xornalista Profesional e unha lei que regule os dereitos laborais dos informadores, suprimir das televisións públicas o "telelixo" e aprobar un Estatuto de axencia EFE.

CIU
Convergència i Uniu propón unha Lei do Audiovisual e un Consello Superior do Audiovisual de ámbito estatal, e promover as condicións necesarias para garantir o dereito a recibir información veraz.

PNV
O Partido Nacionalista Vasco (PNV) nonh fai referencia aos xornalistas nin ao dereito á información da cidadanía.

Aínda que algunha outra formación tamén mostrou similares apoios, a Xunta Executiva da FeSP considera que ao tratarse dun dereito fundamental da cidadanía, a elaboración dos programas electorais fose a mellor ocasión para que cada partido expuxese neles as súas propostas sobre esta materia. Lamenta que o fixeran tan poucos.

A FeSP ten entre os seus obxectivos a defensa do dereito á información, os intereses dos profesionais, a implantación nos medios de Estatutos de Redacción e un Código Deontolóxico, a creación dun Consello Xeral da Información, os dereitos de autor e un Estatuto do Xornalista Profesional no que, entre outras cousas, regúlese a figura do xornalista á peza.

4 de marzo de 2008
Xunta Executiva Federal da Federación de Sindicatos de Xornalistas

Comments are closed.