O SXG publica unha mostra do mellor do fotoxornalismo galego en 2007

.Unha mostra das mellores fotografías publicadas na prensa galega en 2007 acaba de ser publicada polo Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG). Estes traballos ilustran un calendario que o SXG comezou a distribuír de xeito gratuíto nestes días. As fotografías reflicten algúns dos feitos máis relevantes do pasado ano como, por exemplo, a folga do naval en Vigo ou o descenso do Celta

Os problemas de ser fotoxornalista en Galicia

O Sindicato quere agradecer publicamente a contribución desinteresada aos 20 autores, tanto dos doce seleccionados para as "fotos do mes" coma do resto. Todos eles pertencen a un gremio, o dos reporteiros gráficos, que a miúdo ten que traballar en condicións moi precarias.

A pesar da importancia da súa labor, as colaboracións como falsos autónomos, as vulneracións dos dereitos de autor e as agresións durante a cobertura de actos son, desgraciadamente, situacións que moitos fotoxornalistas galegos teñen sufrido na súa pel. Con todo, a calidade e capacidade de impacto destas fotos proba da gran utilidade do seu traballo.

A listaxe completa das obras incluídas no calendario 2008 do SXG é o seguinte:

  • Protesta pola falta de información sobre a autoría do 11-M, Rafa Estévez, Faro de Vigo

  • Amancio Ortega felicita a súa filla Marta tras concursar na CSWI de Vigo, Marta G. Brea, ADN

  • Percebeiros traballando en Cabo Home, Marcos Canosa, Faro de Vigo

  • Disturbios nas rúas de Vigo provocados polos traballadores do Naval, Salvador Sas, Efe

  • Mariscadoras camiñando a súa zona de traballo, Ramón Leiro, La Voz de Galicia

  • Campionato Nacional de Patinaxe de Show, José Lores, Faro de Vigo

  • A alpinista e política Chus Lago salta ao mar nas Cíes, Miguel Muñiz, ABC

  • Borja Oubiña, ao remate do partido que levou ao Celta a Segunda, La Voz de Galicia

  • Mozos practicando capoeira na praia, Óscar Vázquez, La Voz de Galicia

  • Un discapacitado contempla o paso dunha manifestación, Diego Villar, La Voz de Galicia

  • Un surfeiro baixando unha onda na praia de Patos, Pablo Martínez, Freelance

  • Primeiros días de frío en Santiago de Compostela, Sandra Alonso, La Voz de Galicia

    A organización comezou a distribuír lotes de calendarios entre os seus afiliados. Aqueles profesionais interesados en recibir un exemplar desta publicación poden contactar co SXG a través do seu correo electrónico.

  • Comments are closed.