Os sindicatos de xornalistas repudian o telelixo

Ante os comentarios que desde distintos espazos sociais e medios de comunicación fixéronse nas últimas horas sobre un programa televisivo dos denominados "rosa", que aparece vinculado a un tráxico suceso de violencia de xénero, a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, manifesta:

- Que deplora o grao de degradación que alcanzaron algunhas cadeas de televisión privada española -que emiten grazas a unha concesión do Goberno- , cuxa tendencia é a avanzar cara a unha inmersión cada vez maior no chamado telelixo.

- Que este é só un caso, pero diariamente son moitos os programas de ámbito estatal e local que vulneran a norma europea sobre emisión de pornografía en directo ou mensaxes ofensivas ao xénero ou de carácter homófobo ou xenófobo, amparándose en que son mensaxes de SMS enviados polos seus televidentes.

- Que non deben considerarse este tipo de programas como xornalísticos porque non o son, xa que vulneran puntos fundamentais da profesión como o pago de exclusivas, entre outros; e non son xornalistas quen traballan neles, porque non exercen unha función informativa, aínda que estean titulados nesta disciplina.

- Que xa no seu momento, a Federación de Sindicatos de Xornalistas recomendou aos compañeiros de profesión que eviten participar nestes programas que nada teñen que ver coa función de informadores.

- Que apoia as dilixencias xudiciais abertas para determinar as posibles responsabilidades que puidesen derivarse do comportamento imprudente e falto de toda ética desa cadea e de quen dirixen o programa O diario de Patricia.

- Que este tipo de situacións fan cada vez máis evidente a necesidade dun Consello do Audiovisual que vele polo respecto dos televidentes e a dignidade dos programas.

Comments are closed.