La Vanguardia espiou unha delegada sindical

O Xulgado Social nº 17 de Barcelona condenou á empresa de La Vanguardia por vulnerar os dereitos funamentais da liberdade sindical de Josefina Sánchez e deberá pagarlle 3.000 euros de indemnización. J. S. é delegada sindical e traballadora de La Vanguardia Edicións, no taller de impresión a través da empresa subrogada Cre-a.

O fallo xudicial, dá como probado que "o 21-11-2006 a demandante foi seguida nos seus movementos por Sergio Arias Pérez, detective privado autónomo que foi contratado por unha axencia de detectives denominada "Intelligence Bureau" para que realizase o devandito seguimento.

Ese dia, o Sr. Arias (…) estivo seguindo á demandante pola mañá no traxecto que esta realizou desde o seu domicilio ata o centro de traballo de "La Vanguardia". Ao chegar ao centro de traballo, a demandante comentou aos seus compañeiros que tiña a sensación de que alguén a estivera seguindo, polo que anotara a matrícula do vehículo".

A resolución xudicial indica que "ese mesmo día, ao redor das 17.00 horas, a demandante circulaba no seu vehículo pola rúa Comerç, en Barcelona, acompañada doutros membros do comité de empresa. Nese momento determinado, viu que a seguía o mesmo vehículo Peugeot que a seguira pola mañá.

Logo de confirmar que a matrícula era a mesma, freou á altura da Estació de França. O sr. Arias freou tamén. Entón, a demandante e os seus compañeiros baixaron do coche e dirixíronse ao sr. Arias, pedíndolle explicacións polo seu seguimento. Orixinouse unha discusión. Finalmente, interviñeron os Mossos d"Esquadra".

Tamén se considera probado que ""Inteligence Boreau fora contratada por LVE por causa da conflitividade laboral descrita nos ordinais anteriores".

O xuíz actuante condena á empresa por vulnerar o dereito de Josefina Sánchez á liberdade sindical e imponlle a sanción de 3.000 euros cos que debe indemnizar á traballadora.

Comments are closed.