Apoio aos xornalistas lusos contra o novo Estatuto que recorta a liberdade de prensa

A Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP) -da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG)- manifesta o seu total apoio aos compañeiros do Sindicato de Jornalistas de Portugal (SJ) na súa loita contra o grave ataque aos dereitos profesionais a raíz da aprobación do novo Estatuto do Jornalista no estado luso.

A Assembleia da República deu luz verde ao Estatuto do Jornalista o 20 de setembro. O texto retira aos xornalistas o seu dereito a protexer o anonimato das súas fontes confidenciais, soporte base da liberdade de prensa, tal e como recoñeceu o Tribunal Europeo de Luxemburgo.

Sen dereitos de autor
Ademais, os informadores portugueses tampouco serán recompensados xustamente polos seus traballos. E é que os seus patróns poderán volver a reutilizar textos, fotos e outras creacións -nun prazo de 30 días despois da primeira publicación- en calquera soporte sen pagarlle un peso aos autores .

Ante estes ataques, o secretario da FeSP, Dardo Gómez, acaba de enviar unha carta ao SJ na que sinala que “entendemos que as reformas aprobadas por iniciativa do Goberno incorporan duras restricións á liberdade de información e son un ataque directo á independencia profesional dos xornalistas, sen a cal a democracia está ameazada.”

Apoio dende Galicia e Europa
O Sindicato de Xornalistas de Galicia comparte esta preocupación e insta ás forzas políticas que aprobaron este texto que recapaciten sobre o grave dano que están infrinxindo á liberdade da cidadanía portuguesa. A Federación Europea de Xornalistas tamén condenou a aprobación do Estatuto. Poden consultarse máis detalles sobre o conflito na web do SJ, www.jornalistas.online.pt .

Comments are closed.