Contra o secuestro de El Jueves

Ante o secuestro por orde xudicial do último número da revista humorística El Jueves, a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato Xornalistas de Galicia, quere manifestar:

1.- O rexeitamento total ao secuestro dos exemplares da revista, que non se producía en España desde épocas predemocráticas. A medida é desproporcionada, posto que afecta a toda unha publicación e, xa que logo, ao dereito á información, cando en caso de haberse producido algún hipotético delito só cabería achacalo a persoas físicas.

2.- Aínda no caso de que houbese extralimitación, ou un posible atentado á honra, ou un posible delito de ofensas, a vía adecuada sería a demanda xudicial, nunca o secuestro dunha publicación.

3.- Un caso como o que nos ocupa tería un mellor tratamento se existise en España un Consello da Información ou da Comunicación, que analizase en primeira instancia se houbo vulneración de dereitos constitucionais, e se estes chocan ou non co tamén dereito constitucional á información.

A Xunta Executiva Federal Da FeSP a 20 de xullo de 2007

Comments are closed.